Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión presenta o III Plan para a Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes


Inclúe como novidades accións para o uso dunha linguaxe non sexista por parte do Concello e a creación dun punto de referencia pola igualdade na Biblioteca Municipal

O Concello de Brión vén de presentar o III Plan para a Igualdade entre Homes e Mulleres, que terá vixencia para os anos 2016 a 2019. Un plan ao que todos os veciños e veciñas de Brión terán acceso tanto en versión dixital, a través dos portais web do Concello, como de xeito físico, xa que está sendo distribuído estes días canda o número 98 da revista municipal Altamira.

O alcalde de Brión, José Luís García, explica que este novo plan “incluirá accións encamiñadas a que a propia administración local afine no tratamento que fai da igualdade, fomentando por exemplo o uso dunha linguaxe inclusiva e non sexista ou promovendo lecturas relacionadas coa igualdade a través da creación dun punto de referencia específico na biblioteca municipal”. De feito, como novidade, o novo Plan inclúe por primeira vez as áreas de “Empoderamento e Participación Social” e “Construíndo Brión en Igualdade”.

O impulso que se pretende dar ao empoderamento feminino nace da convicción de que a equidade real e efectiva só se logrará coa incorporación das mulleres ao mercado laboral nas mesmas condicións e coas mesmas oportunidades que os homes. Para acadar este obxectivo, o Concello de Brión seguirá impulsando a formación ocupacional e mantendo servizos que orienten e asesoren sobre as posibilidades das mulleres respecto ao autoemprego e ás novas tecnoloxías. As mulleres han de participar na vida social, económica e política, deben ser conscientes do seu potencial, de aí a necesidade de promover o seu empoderamento.

O III Plan para a Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes está promovido e coordinado polo Concello de Brión, conta coa financiación da Deputación da Coruña e foi realizado por Edesga Igualdade.

Dez anos de Plans de Igualdade

O Concello de Brión, a través dunha empresa externa, realizou unha avaliación do II Plan Municipal de Igualdade entre Homes e Mulleres, en vigor durante os anos 2012 a 2015. “Co esforzo de todas e todos temos avanzado en materia de educación en igualdade, en prevención da violencia de xénero, en concienciación e corresponsabilidade… pero aínda nos queda moito camiño que andar, por exemplo, en materia de emprego, sensibilización, asociacionismo ou empoderamento”, explica José Luís García.

Neste sentido, o alcalde brionés lembra que “reducir as desigualdades existentes entre mulleres e homes é a máxima que encabezou os dous primeiros plans de igualdade postos en marcha polo Concello de Brión. Agora, dez anos despois, estamos máis próximos a este obxectivo aínda que sabemos que segue a ser necesario seguir traballando para acadar unha plena igualdade de oportunidades”.