A actividade encádrase na conmemoración do centenario das escolas Concepción Arenal e Curros Enríquez, e do 101 aniversario da inauguración da de Limodre
O Concello de Fene prosegue cos actos conmemorativos do centenario das súas escolas indianas e dos avances educativos que supuxeron na época e durante boa parte do século XX. Trala xornada “Fene Indiano” do pasado venres, agora abrirá ao público na Casa da Cultura a exposición “Centenario das escolas de instrución dos Naturales de Fene, 1916-2016”. Trátase dunha mostra na que se combinan paneis informativos con fotografías e materiais da época, como memorias das sociedades de instrución, cartillas e libros de texto, mapas, pupitres, etc., procedentes do Arquivo Municipal e cedidos polo Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). O acto de inauguración da mostra comezará este mércores ás 20.00h. e contará coa participación do alcalde de Fene, Juventino Trigo, do concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá, e do comisario da exposición, o historiador Guillermo Llorca.
A exposición “Centenario das escolas de instrución dos Naturales de Fene, 1916-2016” permanecerá aberta ao público até o venres 16 de decembro en horario de 10 a 13.00h. e de 16 a 21.00h. de luns a venres, mentres que os sábados poderá visitarse de 10 a 13.00h. e os domingos e festivos permanecerá pechada. Neste sentido o Concello ofertoulles aos centros de ensino do municipio a posibilidade de realizar visitas guiadas incluíndolles na proposta o transporte e a explicación desta exposición na que se recollen materiais da época e unha detallada descrición dos revolucionarios métodos educativos traídos pola emigración de principios do século XX.
Como complemento da mostra, a concellería de Cultura organiza para os vindeiros días un ciclo de conferencias sobre as sociedades de instrución e as escolas de emigrantes. As charlas terán lugar os días 24, 29 e 30 de novembro ás 20 horas na Casa da Cultura de Fene. Abrirá o ciclo o historiador Guillermo Llorca cunha conferencia sobre “As Sociedades de Instrución de Fene e as escolas de emigrantes no seu centenario”.
A segunda conferencia correrá a cargo de Ernesto López Naveiras quen falará sobre “A Alianza Aresana e a Sociedade de Instrución de Redes-Caamouco”. E -xa para pechar o ciclo- a terceira charla será sobre “As Sociedades de Instrucción de Mugardos”, asunto do que falará Juan A. Carneiro Rey.
Recuperar e dar a coñecer á veciñanza a importancia na vida comunitaria das escolas de emigrantes, involucrándoa nese proceso de recuperación e, sobre todo, na valoración da evolución do ensino dende as escolas indianas até as corporacións democráticas, son os principais obxectivos deste programa organizado polas Concellerías de Cultura e Ensino.
A iniciativa cadra co centenario dos grupos escolares Concepción Arenal e Curros Enríquez impulsados desde a Habana polos “Naturales del Ayuntamiento de Fene”, e cos 101 anos da inauguración da escola de Limodre, promovida tamén desde Cuba polo colectivo emigrante. Tres construcións erguidas coas achegas indianas que, ademais, supuxeron un importante adianto educativo no territorio en canto a metodoloxía, currículos e equipamento docente en comparanza coa “situación desoladora” que se vivía noutras zonas por aquela época.
A programación arredor da difusión do legado escolar indiano está subvencionada pola Deputación da Coruña e conta coa colaboración das comunidades educativas do CPI A Xunqueira, Ceip O Ramo, Os Casais, Centieiras, CPR Jorge Juan e Ies de Fene.