Monday 25 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño substitúe varios ventanais da sede municipal para mellorar a súa eficiencia enerxética


A carpintaría Yáñez-Hermida traballou desde o venres contra o reloxo e contra o mal tempo para ter finalizado este luns a primeira hora o cambio de varias fiestras e portas exteriores da Casa do Concello. Os traballos consistiron en dotar a parte sur do edificio de novos marcos, bastidores e cristais para facelo máis eficiente desde o punto de vista enerxético. Porén, o contrato -adxudicado a esta empresa local por 36.000 euros- tamén incluíu o repintado exterior da galería para protexela dos elementos e para facilitar a súa limpeza. Esta actuación financiouse con cargo ao Plan de Medio Ambiente da Deputación da Coruña.

O Plan de Medio Ambiente (PMA) contou cunha dotación de 5 millóns de euros destinados ao financiamento de investimentos e actividades que, entre outros obxectivos, contribúan a manter e mellorar a eficiencia enerxética ou a calidade ambiental de contornos naturais.

De acordo coas bases de distribución destes fondos, a San Sadurniño correspondéronlle 61.766,54 euros que o Concello dividiu en tres actuacións: a adquisición dunha nova rozadora de brazo para os tractores municipais, a contratación de dúas persoas con discapacidade durante o verán para faceren pequenos labores de conservación en instalacións municipais e, por último, a substitución da carpintaría exterior da casa consistorial para aforrar en calefacción,

O plan provincial especificaba que os concellos debían destinar un mínimo do 50% da asignación do programa a investimentos medioambientais e, neste sentido o Concello preparou un proxecto para cambiar parte da das fiestras da casa consistorial co obxectivo de mellorar a súa eficiencia enerxética. Deste labor encargouse durante a fin de semana a carpintaría local Yáñez-Hermida, que iniciou o cambio a primeira hora da mañá do venres.

De lonxe o resultado case non se aprecia a simple vista, xa que o aspecto das novas fiestras e portas exteriores da fachada sur do Pazo é practicamente idéntico ao das orixinais. De feito, a encarga feita polo Concello buscaba facelas iguais pero asegurando que as follas fosen herméticas e que os cristais non deixasen escapar a calor.

O custe total do proxecto foron 36.000 euros, que se investiron na fabricación e colocación tanto das fiestras como das portas que comunican as oficinas coa terraza do edificio, ademais do acceso aos xardíns desde a oficina de Orientación laboral. Porén, parte desta contía tamén se destinou ao repintado exterior da galería co obxectivo de mellorar a súa conservación de cara ao futuro. Neste caso os traballos consistiron no lixado de toda a superficie, no selado de fendas e na aplicación dunha pintura especial que repele a auga e que, ao mesmo tempo, facilita a limpeza dos excrementos de paxaros que adoitan acumularse nas esquinas da galería.