Friday 22 de November de 2024

‘Gala da Irmandade’, este domingo na casa da cultura


A partir das 20 horas ofrecerase de balde un espectáculo variado e familiar no que participan Luis Iglesia e Xavier Deive, Os Quinquilláns, a banda de Alonso Caxade, o Mago Teto, Ánxela Blanco e Mónica Nut, e a compañía Maquinaria Pesada

O vindeiro domingo, 27 de novembro, terá lugar na casa da cultura de Ordes a chamada ‘Gala da Irmandade’. A partir das 20 horas ofrecerase de balde un variado e completo espectáculo no que se mesturarán en perfecta consonancia música, teatro, maxia, danza, canto etc.
No cartel aparecen Luis Iglesia e Xabier Deive, que ofrecerán a súa obra ‘Boneca Lareta’, na que contarán como chegou a muiñeira típica galega a terras estadounidenses baixo o apelativo bluesñeira. A banda de Alonso Caxade ofrecerá música ao vivo durante toda a gala, cosendo así un encaixe perfecto entre todas e cada unha das actuacións e números programados. Pola súa banda o Mago Teto ten preparado un número especial para esta cita, co cal nos levará ata o mundo das Irmandades nun traxecto que inclúe moitas sorpresas. Ánxela Blanco e Mónica de Nut teñen pensado para este día un número no que a música e a danza contemporánea van da man. A compañía da popular actriz Isabel Risco, Maquinaria Pesada, será a encargada de dirixir e conducir o espectáculo a través de dúas persoas que ocuparán un importante lugar dentro do universo das Irmandades. Os encargados de abrir a gala serán Os Quinquilláns, propiciando que o público se sitúe en canto a esta figura histórica.
A ‘Gala da Irmandade’ englóbase dentro do programa DAC Outono Cultural, ideado pola Deputación da Coruña. A través deste ofrécense espectáculos de primeira liña dirixidos a todos os públicos nun total de 18 cabeceiras de comarca de todo o territorio galego. Un bo xeito de achegar as figuras das Irmandades da fala das que se cumpre o seu centenario. Con este motivo dedícaselle á figura de Manuel María o Día das letras galegas e se celebra o Ano Castelao Artista. Unha medida que ten como finalidade espallar de xeito actualizado o legado e a importancia destas tres trabes da cultura galega. Baseándose na concepción ideolóxica das Irmandades da Fala quérese trasladar a unión, a forza e as sinerxías que supuseron no seu día para Galicia, unindo un amplo e variado elenco de artistas de primeira orde que ocupan un lugar destacado nas diferentes artes e disciplinas.
As persoas que queiran acudir deberán recoller previamente a súa invitación no Departamento de Cultura, situado no primeiro andar do Concello de Ordes.