Friday 22 de November de 2024

Feijóo ve nesta lexislatura un novo tempo para afrontar os grandes retos que ten por diante a nosa sociedade, nunha Galicia que sae da crise máis fortalecida que cando entrou nela


Lembra que a primeira medida do Executivo autonómico foi establecer un novo teito de gasto para 2017, superior en case 260 millóns de euros ao do presente exercicio e máis elevado que nunca desde 2011

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe a esta lexislatura que acaba de empezar como un novo tempo para afrontar os grandes retos que ten por diante a nosa sociedade, nunha Galicia –dixo- que sae da crise máis fortalecida que cando entrou nela. “Non nos conformamos con ter resistido durante estes anos, xa que sabemos que manter as paredes en pé só é un medio para poder construír a casa que desexamos. E non nos conformaremos ata que os nosos devezos comúns se convertan en feitos contrastables”, aseverou.

Nesta liña, lembrou que a primeira medida do Executivo autonómico foi establecer un novo teito de gasto para 2017, superior en case 260 millóns de euros ao do presente exercicio e máis elevado que nunca desde 2011, “porque somos ambiciosos, pero responsables coma sempre. E porque sabemos que a casa non se pode facer polo tellado”.

Durante o acto de imposición da Medalla de Ouro á conselleira delegada de Geriatros, Josefina Fernández Miguélez, con motivo da celebración do XIX aniversario do Círculo de Empresarios de Galicia-CFV, Feijóo afirmou que coa recesión económica Galicia demostrou ser un pobo intelixente, que soubo facer da crise unha oportunidade: “A crise foi unha oportunidade porque hoxe sabemos que non se pode gastar máis do que se ten, e grazas aos galegos responsables as contas públicas da Comunidade son un exemplo de equilibrio. A crise foi unha oportunidade porque hoxe sabemos que o mellor xeito de afrontar as dificultades é abrirse a novos mercados, e grazas aos galegos emprendedores temos unha economía máis dinámica e máis internacionalizada, que bate mes a mes un novo récord de exportacións”, dixo.

Así mesmo, afirmou que grazas ao esforzo colectivo de todos os galegos, a nosa comunidade puido manter e mellorar unha educación pública, unha sanidade pública e uns servizos públicos de calidade para todos e para as xeracións futuras. “A crise foi unha oportunidade porque hoxe sabemos que Vigo é un motor indispensable da economía galega, e grazas aos vigueses e a todos os galegos esta cidade volve ter os seus centros industriais a pleno rendemento”, engadiu.

Feijóo concluíu a súa intervención destacando a traxectoria da galardoada, a súa capacidade xestora e a súa contribución a que hoxe Geriatros sexa unha das cinco compañías líderes no mercado sociosanitario español. “Pero hai outra parte do que Geriatros significa que non se pode plasmar nunha conta de resultados, e que nos fai sentir si cabe máis satisfeitos. É un orgullo poder contar coa colaboración dunha empresa de Vigo, que, desde a súa responsabilidade social no sector privado, axuda a fomentar un ben de interese común: o envellecemento activo dos nosos maiores e, cando isto xa non é posible, a mellor atención aos nosos dependentes”, abundou.