O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asistiu no Auditorio de Prado del Rey (Madrid) á presentación de Cidades Españolas Patrimonio da Humanidade, serie documental rodada en 4K HDR. La 2 emitirá a partir de decembro os 15 episodios, cada un deles dedicado a unha das cidades que forman o Grupo. O capítulo de Santiago de Compostela, xa gravado, será un dos primeiros en emitirse.
Este ambicioso proxecto audiovisual nace da sinatura dun convenio de colaboración entre RTVE e o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade. A serie documental foi rodada en 4K HDR (Ultra Alta Definición con tratamento de Alto Rango Dinámico), con son 5.1 e música orixinal gravada pola Orquestra RTVE.
A presentación correu a cargo do presidente de RTVE, José Antonio Sánchez e da presidenta do Grupo de Cidades Españolas Patrimonio da Humanidade e alcaldesa de Cáceres, Elena Nevado. O acto contou coa presenza da directora da serie, Belén Molinero, e dos alcaldes e alcaldesas dalgunha das Cidades Patrimonio: Javier Rodríguez, de Alcalá de Henares; José Luis Rivas, de Ávila; Lola Marín, de Baeza; Anxo Mariscal, de Cuenca; Martiño Noriega, de Santiago de Compostela; e Clara Luquero, de Segovia. As demais cidades estiveron representados polos seus concelleiros e concelleiras de Turismo. Os/as asistentes gozaron dun avance da serie que resume os primeiros capítulos, que se emitirán no mes de decembro en La 2.
A serie
A serie documental de 15 episodios, de 55 minutos de duración cada un e dedicada a cada unha das Cidades Españolas Patrimonio da Humanidade, está baseada nunha idea orixinal e dirixida por Belén Molinero.
Aínda que anteriormente xa se rodaron outros produtos en 4K en TVE, é a primeira vez que se aborda unha serie destas características (rodaxe de interiores e exteriores naturais, a realización de planos aéreos, utilización de drons, cabezas quentes, stady cam e outros) en 4K (Ultra Alta Definición con tratamento de HDR), o que sitúa ao produto na máis absoluta innovación tecnolóxica. O son realizouse en 5.1. A banda sonora conta con parte de música orixinal, gravada pola Orquestra de RTVE
O proxecto desenvolverase en catro anos: (3 episodios en 2016 e 4 os 3 anos seguintes) Este ano rodáronse Ávila, Santiago de Compostela e Segovia; o ano próximo realizarase a rodaxe de Cáceres, Mérida, Toledo e Salamanca; en 2018 Córdoba, Cuenca, Alcalá de Henares e Eivissa; e en 2019 San Cristóbal de la Laguna, Tarragona, Baeza e Úbeda
Grazas á emisión da serie tanto polas canles nacionais como pola Canle Internacional daranse a coñecer as 15 Cidades Patrimonio da Humanidade, o que dará a oportunidade de que millóns de viaxeiros as coñezan, visitando da man de RTVE os lugares e edificios máis emblemáticos, e, sobre todo, coñecendo ás xentes que as habitan, que viven e coidan a súa cidade e que son, por tanto, tamén protagonistas da Historia.