Friday 22 de November de 2024

O Museo do Humor de Fene entrega este venres os premios Curuxa 2016


A entrega dos galardóns coincidirá coa apertura da exposición dos traballos presentados ao certame e co peche do ciclo “Novembro, mes do Humor”

Coa entrega dos premios Curuxa do Humor 2016, o Museo do Humor de Fene porá fin este venres ao seu “Novembro, mes do humor”. Nun acto que comezará ás 20.00h. no auditorio da Casa da Cultura de Fene, os debuxantes Alberto Cardona, Antón Lezcano, Cristian Fojón e a artista gráfica Alba Souto recibirán da man do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá, os diplomas do certame deste ano. Deseguido será Quico Cadaval quen peche o ciclo humorístico que trouxo ata Fene nas últimas semanas referentes da risa retranqueira como Carlos Blanco, Paula Carballeira ou Xan Veiga.

O xurado do XX Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor reuniuse o pasado 17 de xuño e acordou por unanimidade outorgarlle o primeiro premio Curuxa 2016 ao debuxante Alberto Cardona Valcarcel pola obra titulada “Ray”. O xurado salientou “o pouso que deixa a historia, unha historia aberta, de humor negro, cunha excelente resolución gráfica acorde coa temática abordada”.

Tamén na categoría Curuxa (maiores de 25 anos), o segundo premio recaeu nesta edición no debuxante Antón Lezcano González pola obra “Modernas”, da que o xurado destaca “o seu humor directo e moi galego, contrapoñendo a modernidade con aquilo que funcionou toda a vida”.

Na categoría Curuxa Nova (menores de 25 anos) o primeiro premio foi para Cristian Fojón Caruncho por “Adaptación ao medio”. Neste caso a acta do fallo sinala “a súa grande calidade gráfica e orixinalidade no aproveitamento dun tema de actualidade nas redes sociais para plasmalo de xeito humorístico en formato de cómic”. O segundo premio foi para Alba Souto Rodríguez por “A gaivota de Amalia”, unha obra na que o xurado valorou, sobre todo, “o seu estilo persoal, o traballo da cor e a crítica social reflectida na denuncia da contaminación”.

Segundo informa a Concellería de Cultura de Fene, os premios están dotados cun diploma e cunha gratificación económica que vai dos 500 € do segundo premio Curuxa Nova aos 2.000 € do primeiro premio Curuxa. O xurado estivo formado polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, pola exconcelleira de Cultura, Amalia García, polos debuxantes Juan Carlos Abraldes, Luís Davila e Santy Gutiérrez, e polo xestor de Actividades Culturais do Concello, Daniel Romero, en calidade de secretario do certame.

Quico Cadaval, último convidado ao “Novembro, mes do humor”
O acto de entrega dos Premios Curuxa coincidirá este venres coa inauguración ás 19.30h. dunha exposición coas obras presentadas este ano ao certame e coa derradeira sesión do ciclo de espectáculos humorísticos “Novembro, mes do humor” que comezará ás 20.00 horas.

Esta última cita estará protagonizada polo actor e contacontos Quico Cadaval. Como nas funcións anteriores, para asistir ao espectáculo haberá que recoller invitacións -2 por persoa- o mesmo venres na conserxería da Casa da Cultura de Fene a partir das 16 horas.