Os visitantes da mostra escollerán por votación o seu creador favorito
O Centro Cultural de Sigüeiro acolle ata o vindeiro 2 de decembro unha exposición de novos talentos artísticos de Oroso, que presentaron as súas obras a raíz dunha convocatoria do Concello. A mostra foi inaugurada nas últimas horas polo alcalde, Manuel Mirás, o concelleiro de Cultura, Luís Rey, e o promotor desta iniciativa, Tino Cuesta, nun acto ao que tamén acudiron varios dos integrantes do goberno municipal.
Dos dezanove artistas participantes, un representará a Oroso como convidado na vindeira edición do certame internacional GóisOrosoArte. Será escollido por votación das persoas que visiten a mostra, que á entrada da sala de exposicións teñen á súa disposición unha urna e papeletas para marcar e depositar a súa elección.
Na apertura da exposición, o alcalde de Oroso agradeceu aos novos talentos o paso adiante que deron para facer públicas as súas creacións artísticas. Manuel Mirás destaca que “esta exposición é digna de encher de orgullo non só aos que creastes estas valiosas pezas, senón a toda a cidadanía do noso municipio”. O alcalde fixo unha mención especial aos creadores máis novos e recoñeceu o labor de Tino Cuesta como promotor da iniciativa.
O concelleiro de Cultura, Luís Rey, expresou a vontade do Concello de Oroso de que “esta sexa a primeira de moitas exposicións do gran talento que ten a xente de Oroso”, sobre todo a raíz do éxito de participación xa acadado. Rey considera que a mostra ten que servir tamén para “poñer en valor o gran traballo que se desenvolve nos obradoiros culturais municipais, dos que saen moitas das obras da mostra”.
Tino Cuesta, que no seu día lle propuxo esta actividade ao Concello, interviu para destacar o valor da arte como patrimonio colectivo da sociedade e fixo fincapé en que todo o mundo pode participar no proceso creativo. Fundamentalmente dirixiuse aos máis novos, aos que animou a “non deixarse influenciar polos adultos e manter vivo o seu espírito artístico”, que nos permite “ir a outras dimensións, escapar da monotonía e crear outras realidades”.
A exposición
Os dezanove veciños e veciñas que participan nesta exposición presentan un total de 36 traballos en diversas modalidades creativas e estilos. Predomina a pintura, con 25 obras, pero non faltan os debuxos (cinco), as tallas de madeira (catro) e mesmo dous pares de zocos artesanais.
Os creadores que expoñen son: Lucía García Castelo, Celsa Suárez Pereiro, Miguel Vázquez Varela, Rebeca Pazos Maroño, María José Martínez Salvado, Raquel Pina Sánchez, Adrián González Jiménez, Jenny Guldrís Zárate, Divina Otero Otero, Santiago Olivieri Hernández, Rafael Olivieri Hernández, Alfonso Sánchez Velazco, Emiliano Sánchez Velazco, María José Castilla Hernández, Eva María Carreira Carreira, Eva María Míguez Fandiño Vanessa Beis Guijarro, Concha Pena Souto e Jesús Pena Souto.