Monday 25 de November de 2024

O Consello de Participación veciñal de San Sadurniño dálle o visto e prace ás bases das subvencións do ano que vén


O Consello de Participación veciñal reuniuse este xoves á tardiña na Casa do Concello para facer unha valoración do proceso de asembleas do orzamento participativo, para recibir información por parte do equipo de goberno sobre o estado de tramitación do PXOM e tamén para revisar as bases que rexerán en 2017 a concesión de axudas ás entidades socioculturais e deportivas do municipio. Nesta última cuestión a proposta do Concello, ratificada na xuntanza, contempla variar minimamente o articulado na liña de igualalo tanto en Cultura como en Deportes -hai bases específicas para cada modalidade- en aspectos como a xustificación, os prazos de resolución da concesión ou a porcentaxe que se poderá incluír como gasto material, que en ambos casos agora poderá chegar ao 25% do orzamento.

Esa porcentaxe xa figuraba nas bases para entidades sociais e culturais deste ano, pero non no caso das deportivas. Deste xeito, en 2017 os clubes locais que concorran ás axudas tamén poderán xustificar as subvencións que se lles concedan con investimentos en materiais e equipamentos necesarios para o desenvolvemento das súas actividades.

Outra novidade que presentarán as bases refírese ao incremento da puntuación que se concederá en Cultura para eventos relacionados coa recuperación do patrimonio material e inmaterial, etnográfico, tradicional ou musical, xa que pasará dos 0,5 puntos actuais a 1,5 como máximo.

No caso das entidades deportivas que soliciten subvencións tamén se introduce unha maior valoración da participación feminina tanto na práctica deportiva como na composición das directivas, elevando o peso porcentual deste apartado na avaliación das propostas presentadas polos clubes.

A última modificación das bases céntrase en cuestións conducentes á equiparación procedimental entre Cultura e Deportes, principalmente na resolución e no xeito de xustificar as subvencións. Así, nos dous apartados márcase un prazo máximo de resolución de tres meses trala finalización do prazo de presentación de solicitudes e introdúcese como novidade que os clubes deportivos deberán xustificar a cantidade concedida máis o 20% do orzamento que se presentase na solicitude, cando ata este ano abondaba con que achegasen facturas polo importe da subvención adxudicada.

O cambio responde á necesidade de evitar agravios comparativos con respecto ás entidades socioculturais, que xa en anteriores convocatorias tiveron a obriga de presentar gastos que cubrisen o total da contía concedida e, a maiores, ese 20% do total que orzamentasen no momento de pedir a subvención.

Asembleas participativas e PXOM
Os outros dous asuntos da orde do día ocupáronse de avaliar o proceso dos orzamentos participativos recentemente rematado e de explicar o estado de tramitación do planeamento xeral. No primeiro caso o goberno local deu conta en liñas xerais das ideas recollidas nas xuntanzas parroquiais e expresou a súa intención de levar adiante aquelas definidas pola Mesa do orzamento con recursos propios ou con achegas doutras administracións.

No referido ao PXOM, o alcalde explicou que o Concello recibiu máis de 400 alegacións a un documento que neste momento está agardando a chegada dos correspondentes informes de Augas de Galicia e de Patrimonio. Secundino García sinalou que, malia que as alegacións están practicamente todas revisadas, non é posible darlles resposta mentres non se reciban da Xunta eses dous informes que faltan e que, segundo o rexedor, “poden incluír algún tipo de recomendación ou modificación que lle afecte ao sentido das respostas que deba dar o Concello ás alegacións e por iso cómpre agardar”.

O alcalde tamén se pronunciou nas asembleas ao respecto da configuración do planeamento, apuntando que a intención do Concello e do persoal técnico é que o documento final reflicta ata onde permita a lei “os usos actuais que ten o territorio” e non as antigas cualificacións reflectidas na época en que se iniciou a súa tramitación, hai máis dunha década. En calquera caso, desde o goberno local agárdase que os informes pendentes cheguen “en breve” e que se poida continuar co proceso para poder telo listo nos primeiros meses do ano que entra.