Escolares e profesorado vestiron esta mañá á moda emigrante para abrir os actos do centenario das escolas indianas
No marco dos actos conmemorativos organizados polo Concello de Fene co gallo do centenario dos grupos escolares Concepción Arenal e Curros Enríquez, e do 101 aniversario da inauguración da escola de Limodre, os colexios do municipio acolleron esta mañá unha xornada especial na que o alumnado e os seus mestres e mestras voltaron ao pasado. Recrearon aqueles centros de ensino propios de principios do século XX que se ergueron “nunha sociedade claramente influenciada pola cultura, as tradicións e as modas traídas polos indianos”. A celebración deste aniversario educativo continuará até medidados de decembro e a semana que vén abrirá na Casa da Cultura unha exposición sobre a pegada da emigración no ensino local.
Seis centros educativos de Fene -os Ceip Os Casais, O Ramo e Centieiras, o CPI A Xunqueira, o CPR Jorge Juan e o IES de Fene- tomaron parte nesta iniciativa na que se implicaron os equipos directivos, docentes e ANPAS, animando a toda a comunidade educativa a asistir ás aulas á moda da emigración retornada.
Nalgúns centros mesmo fixeron a súa propia recreación dunha aula indiana e adicaron esta xornada escolar “a todos os emigrantes, sen esquecernos dos que aínda están naqueles países americanos e non puideron ou quixeron regresar e tamén dos indianos que aínda residen entre nós”.
Tamén participaron nesta xornada seis actores e actrices do grupo de teatro do CMI Unidade de Fene, convertidos en “axentes do Ministerio do Tempo”, que visitaron os colexios para, desde o pasado, convidar ao alumnado a asistir á inauguración da exposición “Centenario das Escolas de Instrución dos Naturales del Ayuntamiento de Fene, 1916-2016”.
A mostra, organizada polas Concellerías de Cultura e Ensino e subvencionada pola Deputación da Coruña, inaugurarase o vindeiro mércores 23 de novembro ás 20.00h. na Casa da Cultura de Fene e permanecerá aberta ao público até o venres 16 de decembro en horario de 10 a 13.00h. e de 16 a 21.00h. de luns a venres, e os sábados de 10 a 13.00h. Os domingos e festivos estará pechada.
Comisariada polo historiador Guillermo Llorca, a exposición combinará paneis informativos con fotografías e materiais da época -memorias das sociedades de instrución, cartillas e libros de texto, mapas, pupitres, etc.- procedentes tanto do Arquivo Municipal de Fene como do Museo Pedagóxico Galego (MUPEGA).