Friday 22 de November de 2024

O concello rehabilitará as rúas Vionta e Insua xunto ao paseo marítimo de Coroso


Adxudicada provisionalmente a actuación por máis de 34.000 euros

Santa Uxía de Riveira, 18 de novembro de 2016.- O Concello de Riveira deu luz verde na súa última xunta de goberno local á execución dunha nova actuación destinada a rehabilitar as rúas Vionta e Insua, ambas situadas entre a avenida da Coruña e o paseo marítimo de Coroso.

A adxudicación provisional da realización do proxecto, que está adscrito ao Plan DTC Adicional da Deputación, recaeu na empresa Construcciones Anspal segundo a clasificación elaborada no proceso de licitación. O investimento é de 34.364 euros máis IVE e o prazo de execución dous meses.

As dúas vías en cuestión observan danos importantes no seu firme e non hai separativo de pluviais e fecais. Así e logo, o proxecto elaborado pretende a instalación dunha nova rede de pluviais coas súas correspondentes arquetas e sumidoiros para que vaian por unha canalización independente da de fecais, ademais de colocar un novo pavimento a base de adoquín prefabricado de formigón gris alternado con franxas de adoquín prefabricado de formigón de cor vermella.

A realización destas obras eran unha demanda veciñal que agora se leva a cabo.