Subliña que destes 9.063 M€: 8.748 millóns son ingresos non financeiros, 298 millóns proceden do cumprimento do obxectivo de déficit e 17 millóns de axustes de contabilidade nacional
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a aprobación dun teito de gasto para 2017 de 9.063 millóns de euros, un 2,9% máis que neste exercicio e 24 millóns máis do previsto na proxección previa feita en setembro (9.039M€). Máis polo miúdo, Feijóo precisou que no ano próximo a Xunta disporá de 259 millóns máis que en 2016 para seguir trasladando a recuperación económica ao conxunto dos galegos.
Logo de subliñar que destes 9.063 M€: 8.748 millóns son ingresos non financeiros, 298 millóns proceden do cumprimento do obxectivo de déficit e 17 millóns de axustes de contabilidade nacional; Feijóo salientou ademais que o límite de gasto non financeiro axústase ao obxectivo de déficit que as comunidades autónomas terán que cumprir en 2017, que é do 0,5% do PIB.
Deste xeito, Galicia seguirá cumprindo coa solvencia das contas públicas, como vén facendo nos últimos anos e, por primeira vez desde 2011, a Comunidade galega poderá superar a barreira dos 9.000 M€ de presuposto. “Unha das cousas que faremos será repoñer o cen por cento do salario desde o 1 de xaneiro a todos os empregados públicos”, engadiu.
Durante a rolda de prensa, Feijóo lembrou que é a primeira vez que Galicia non aproba o teito de gasto nos prazos axeitados –“que tocan no mes de xullo”-, como consecuencia de que o Goberno de España nese período estaba en funcións. E incidiu en que o teito de gasto que aprobará a Xunta será “prudente, con cautelas pero bastante fiable, conxugando todos os datos económicos, de recadación e as previsións de crecemento da economía para 2017”.
Unha vez aprobado no Consello da Xunta, o Goberno galego remitirá inmediatamente o acordo á Cámara para iniciar a súa tramitación parlamentaria e posterior aprobación, co obxectivo de presentar os Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2017 nos primeiros días do mes de decembro.
Así mesmo, subliñou que os dous valores no teito de gasto seguirán sendo: a estabilidade e a prudencia. “A estabilidade, porque é a que dá a certeza de que a aprobación das nosas contas non se vai demorar nin un segundo máis do debido. E a prudencia, porque é a que fai posible que hoxe teñamos máis recursos para trasladarlle á sociedade galega”, dixo, ao que engadiu que “canto menos incremento da débeda, menos gastos financeiros e máis cumprimento do déficit público, máis disposición teremos para investir en políticas sociais e en políticas de investimento real”.
En canto ás estimacións macroeconómicas, o titular da Xunta afirmou que o Executivo autonómico prevé que neste segundo semestre a economía galega rexistre un mellor comportamento que a media española, elevando a previsión do crecemento do PIB para este 2016 unha décima, ata o 3,1%.
En 2017, Feijóo avanzou que a estimación é que a economía galega siga medrando a unha taxa interanual do 2,4%, unha décima máis do previsto na última actualización do cadro macroeconómico, “debido ao comportamento correcto do consumo, da demanda interna, das exportacións e do emprego”, afirmou.
En relación ao paro, o responsable autonómico subliñou que a Xunta mantén a previsión de que este ano descenderá ata o 17,4%, “mentres que para 2017 agardamos que descenda ata o 15,6%, 2,2 puntos por debaixo da estimación para o conxunto de España”, engadiu.
Cómpre salientar que estas previsións mantéñense coherentes co 2,5% de crecemento medio ata 2020 que prognosticaba a folla de ruta económica do Goberno galego, o Plan Estratéxico 2015-2020.
Feijóo concluíu a súa intervención insistindo en que deste xeito o Goberno galego cumprirá a previsibilidade, a estabilidade e a responsabilidade “que comprometemos no Debate de investidura”.
Pola súa banda, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, indicou que o teito de gasto aprobado hoxe “é prudente e realista”, e que permitirá “que o Goberno siga traballando na elaboración dos orzamentos para 2017 para aprobalos o antes posible”.
O titular de Facenda tamén resaltou a axilidade coa que a Xunta aproba o límite de gasto para o vindeiro exercicio, dado que “a estabilidade e a continuidade deste Goberno” permite que se aprobe o teito de gasto “só tres días despois de tomar posesión o Executivo”. “Galicia terá con total seguridade orzamento no ano 2017”, remarcou.