O Concello de San Sadurniño finalizou esta semana as obras de acondicionamento do lavadoiro do Albeiro e tamén da súa contorna, financiadas con cargo a unha subvención de 5.800 euros -ive incluído- procedente da Deputación da Coruña. Os traballos centráronse nunha reparación de conservación do propio lavadoiro e na limpeza dos seus arredores, onde ademais se sementou herba e se preparou un pequeno acceso con zahorra. Deste xeito, a zona conta cunha nova área de lecer próxima a un dos puntos de entrada do sendeiro do regato do Aceiteiro e, ao mesmo tempo, iníciase un programa que prevé continuar a rehabilitación doutras construcións semellantes que hai repartidas polo territorio.
Hai que remontarse a finais da década dos anos 50 do século pasado para saber algo máis da historia dos lavadoiros municipais. A web Fálame de San Sadurniño conta entre os seus artigos cunha interesante relación dos alcaldes desde o ano 1837. No número 55 -dos 61 que se contan ata a actualidade- encóntrase Francisco Dorado Victorio, a quen se lle deben, entre outras actuacións, “o esforzo na creación e mellora das moitas escolas unitarias […] e dunha rede de fontes e lavadoiros por todo o municipio”, tal e como sinala o historiador Manolo González recuperando unha acta da homenaxe que lle rendeu o pleno municipal o 29 de xuño de 1970 con motivo do seu traslado a Ferrol.
Nacido en Viveiro en 1917 e mestre de profesión, Dorado chegou destinado á escola de Silvalonga a principios de 1950 procedente de Asturias. Cinco anos despois sería nomeado alcalde polo Gobernador Civil da Coruña en substitución de Andrés Saavedra e baixo o seu mandato San Sadurniño viviría unha importante transformación en canto á dotación de servizos. Cómpre lembrar que nos case dez anos que botou de alcalde foi cando se construíron varias das escolas unitarias que hai polas parroquias, rematouse a rede de sumidoiros da avenida Marqués de Figueroa e tamén foi a época da edificación de seis pontes e alomenos 13 fontes e lavadoiros públicos.
Un deles, o do Albeiro, é o que se acaba de acondicionar. Os traballos consistiron na reparación e limpeza da estrutura e tamén na eliminación da masa vexetal que o rodeaba. De feito, rozouse un grande silveirón, explanouse o contorno, sementouse herba e mesmo se fixo un pequeno aparcadoiro de zahorra co obxectivo de que a área poida empregarse no futuro como espazo de lecer nun punto que, ademais, é un dos lugares de paso para acceder ao sendeiro do rego do Aceiteiro.
A intervención tivo un custo duns 4.500 euros máis ive, financiados con cargo a unha subvención da Deputación da Coruña dirixida á rehabilitación deste tipo de construcións. “Cando concederon a subvención sopesamos se actuar nun ou varios lavadoiros e, vendo a contía, finalmente decidimos que o máis conveniente era ir reparándoos pouco a pouco con pequenos proxectos coma este”, explica o titular de obras Manolo Beceiro.
A intención municipal é continuar arranxando tanto os lavadoiros como outros elementos do patrimonio municipal “na medida que vaiamos contando con dotación orzamentaria para facelo, principalmente a través de subvencións e convenios con outras administracións”. Tal e como comenta o alcalde, Secundino García, a conservación e posta en valor destas edificacións “é unha petición veciñal que xorde habitualmente nas asembleas dos orzamentos participativos á que o Concello quere e debe darlle resposta”.