Friday 22 de November de 2024

A feira ABANCA CIMAG-GANDAGRO volverá a ser cita de referencia para a raza frisona coa celebración dos seus concursos morfolóxicos


LEVARANSE A CABO O XXVI CONCURSO AUTONÓMICO E O XXXIV OPEN INTERNACIONAL, NOS QUE SE INCLUIRÁN ALGUNHAS NOVIDADES, COMO A ENTREGA DUN NOVO GALARDÓN, Á MELLOR GANDERÍA DE NOVA PARTICIPACIÓN

A II Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, ABANCA CIMAG-GANDAGRO 2017, a cal se celebrará do 26 ao 28 de xaneiro na Feira Internacional de Galicia ABANCA, volverá a ser marco dos concursos da Federación Frisona Galega (Fefriga).

Así, ao longo do venres 27 e o sábado 28 de xaneiro terán lugar o XXVI Concurso Autonómico da Raza Frisona FEFRIGA´17 e o XXXIV Open Internacional da Raza Frisona GandAgro´17, os cales se converterán en punto de encontro da mellor cabana bovina tanto galega como de fóra da comunidade.

Estes exemplares competirán polos títulos de Campioa de Galicia e Campioa Internacional (en función do concurso) nas categorías de becerra, xovenca, vaca xoven, vaca intermedia e vaca adulta; e polo de Gran Campioa de Galicia e Gran Campioa Internacional (segundo o concurso) nas de xovenca e vaca. Tamén se recoñecerá ao Mellor Criador de Galicia e ao Mellor Criador Internacional.

Así mesmo, como novidade nestes certames, entregarase un galardón máis, tanto no Concurso Autonómico como no Internacional. Será á Mellor Gandería de Nova Participación, outorgándose un primeiro e un segundo premio ás dúas mellores explotacións que non participaran con anterioridade ao 2017. Ademais, tamén será novidosa respecto á pasada edición a entrega de premios en metálico á xovenca e vaca “Gran Campioa” de ambos certames.

Xóvenes manexadores e preparadores

A estes certames sumarase, tamén de man de Fefriga, o venres 27, o XXXIII Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luís Louzao”, no cal os gandeiros máis novos demostrarán a súa habilidade na presentación en pista dos animais. Ademais, engadirase, o día anterior, o X Concurso de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro´17, no que os participantes amosarán a súa destreza preparando ao gando para logo presentalo.

Aberto o prazo de inscrición

O prazo de inscrición para participar nestes catro concursos xa está aberto dende hoxe. No caso dos morfolóxicos Autonómico e Internacional as inscricións pecharanse o día 19 de decembro, mentres que no de Manexadores e Preparadores farano o día 15 de xaneiro. A documentación está dispoñible na páxina web da feira.

A celebración destes concursos converterá a ABANCA CIMAG-GANDAGRO 2017 nun espazo de referencia para esta raza, co obxectivo de estimular aos gandeiros na cría de animais de alta calidade xenética como medio de rendibilizar as súas explotacións e de orientalos sobre as tendencias actuais de selección, ademais de poñer de manifesto o alto nivel xenético e morfolóxico dos seus animais.