Saturday 23 de November de 2024

As emocións e como xestionalas, eixo principal de dous programas que se desenvolven en San Sadurniño ata fin de ano


O Concello impulsa un programa de mediación de conflitos no centro de ensino e outro que promove a comunicación e a expresión das emocións no seo das familias

A área de Igualdade do Concello de San Sadurniño está levando a cabo neste último trimestre de 2016 dous programas ben interesantes que teñen como principal eixo as emocións, a empatía e outros aspectos das relacións sociais e, principalmente, como poñelas en valor na casa e na escola. Dunha banda temos o espazo Con-vive, dirixido a familias con nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, onde se traballan recursos doados de por en práctica para mellorar os vínculos afectivos e tamén a comunicación. Doutro lado tamén está en marcha o programa de mediación escolar -dirixido neste caso a alumnado e profesorado do CPI- co que se pretende crear un grupo estable de resolución de conflitos formado pola rapazada coa supervisión do equipo docente.

Na formación do programa de mediación escolar implicáronse xa unha decena de rapaces e rapazas da ESO e outros tantos mestres e mestras, que nestes momentos participan nas sesións formativas para poñer en marcha a iniciativa, O que se busca é que os mozos e mozas teñan referentes da súa mesma idade para acudiren a eles no caso de que se produza algún tipo de conflito. Os seus compañeiros e compañeiras de mediación e o profesorado non xulgan, senón que son “canalizadores e facilitadores” da comunicación para que sexan os propios protagonistas quen resolvan as súas diferenzas falando as cousas.

Búscase que a mocidade acuda a un mediador e mediadora cando xurda calquera desencontro. O xeito de resolvelo baséase na escoita activa e na empatía, é dicir, en que as partes implicadas atendan e comprendan o que di a outra persoa e en poñerse no seu lugar para entender o seu punto de vista. O labor do mediador ou mediadora é ir guiando todo o proceso axudando a aclarar o problema e, de ser o caso, propoñendo solucións que rematen cun acordo.

Os obxectivos do programa son tres: mellorar a convivencia no centro educativo potenciando a aprendizaxe dunha ferramenta orientada á resolución construtiva de conflitos, ensinar as estratexias e habilidades necesarias para desempeñar o labor de mediación e fomentar un clima socioafectivo positivo entre as persoas que participen no equipo de mediación, de maneira que lles axude no seu desenvolvemento persoal.

A estes tres obxectivos dáselles forma con cinco liñas de actuación, iniciadas coa formación dos mestres e mestras e do equipo de mediación. As seguintes serán a posta en marcha do propio equipo -cun protocolo de actuación que reflicta a tipoloxía de conflitos máis comúns- e facer un labor de seguimento e de apoio ao alumnado e o profesorado participante no proxecto.

A mediación escolar é un xeito de resolución de conflitos que cada vez está implantándose en máis centros educativos coas miras postas en manter un clima de entendemento entre toda a comunidade escolar e tamén como xeito de previr problemas máis graves, como os que ultimamente enchen informativos e portadas de xornais. A encargada da posta en marcha do proxecto, Naiara González, sinala que as situacións de acoso son “a máxima expresión dos conflitos, das situacións de falta de respecto, de falta de xestión de emocións e de empatía. O caldo de cultivo é cando nas aulas non hai un traballo sobre as emocións, sobre os conflitos e o trato coas demais persoas”. Con todo, esta profesional da psicopedagoxía, tamén asegura que “a mediación axuda, pero o problema do acoso é máis complexo que a resolución de conflitos en si”.

Programa Con-vive
Naiara González é tamén experta en orientación e terapia familiar e encárgase de impartir os mércores pola tarde o programa Con-vive, aínda que neste caso cuns obxectivos distintos. A el acoden familias cos seus fillos e fillas para pasar unha hora de lecer na que se aproveita para estreitar vínculos comunicativos e afectivos.

Ao igual que o programa de mediación escolar, esta é unha iniciativa do departamento de Igualdade financiada pola Deputación da Coruña. Nela propónselles ás familias con nenos e nenas de 3 a 12 anos un espazo no que aprenderen técnicas para mellorar a relaxación, o coñecemento interior e as relacións tanto dentro da propia familia como con outras persoas.

“Nas sesións traballamos a educación emocional, a atención plena e o vínculo nais e pais, fillos e fillas buscando a conexión e profundizar nas emocións”, explica González. Un traballo que tenta recuperar a comunicación e o contacto nun contexto socioeconómico como o actual en que o tempo a contrareloxo dos papás e mamás, os milleiros de actividades extraescolares dos nenos e nenas, as táblets e outros factores, comen literalmente os necesarios momentos de convivencia, contacto e emocións. Segundo comenta a educadora social “normalmente non nos paramos a falar das emocións, na sociedade é un tema bastante descoidado que con estas iniciativas está empezando a rexurdir”.

O programa Con-vive prolongarase ata finais de ano e desenvólvese na ludoteca do CPi.