Sunday 24 de November de 2024

A Agasp continúa co programa de formación para xuíces, fiscais e letrados da Administración de Xustiza cun curso sobre decomiso


O director xeral de Xustiza e a directora da Oficina de Recuperación de Activos inauguraron hoxe un novo curso de formación para xuíces, fiscais e letrados da Administración de Xustiza

A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) continúa co seu programa de formación para xuíces, fiscais e letrados da Administración de Xustiza cun curso sobre O decomiso e a ORGA, que foi inaugurado hoxe polo director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e a directora da Oficina de Recuperación de Activos, Isabel Tarazona Lafarga.

A ORGA (Oficina de Recuperación e Xestión de Activos), creada no 2015, é un órgano da Administración Xeral do Estado e auxiliar da Administración de Xustiza, ao que corresponden as competencias de localización, recuperación, conservación, administración e realización dos efectos, bens, instrumentos e ganancias procedentes de actividades delituosas cometidas no marco dunha organización criminal nos termos previstos na lexislación penal e procesual.

Esta Oficina actuará cando llo encomende o Xuíz ou Tribunal competente, de oficio ou a instancia do Ministerio Fiscal ou da propia Oficina. A Oficina procederá, igualmente, á localización de activos a instancia do Ministerio Fiscal no exercicio das súas competencias no ámbito das dilixencias de investigación, da cooperación xurídica internacional, do procedemento de comiso autónomo ou en calquera outras actuacións cando así estea previsto na lexislación vixente.

Estas accións formativas mixtas son posibles grazas a unha solicitude da Vicepresidencia da Xunta de Galicia ao Consello Xeral do Poder Xudicial para ampliar a oferta formativa derivada do convenio de colaboración en materia de formación continuada de xuíces e maxistrados para o ano 2016.

Ademais, no mes de xullo a Agasp contactou co Ministerio de Xustiza a través do Centro de Estudios Xudiciais para asinar un convenio que se atopa en tramitación. Porén, o Centro de Estudos Xudiciais permite xa como proxecto piloto que nestes cursos participen Fiscais e Letrados posibilitando esta formación mixta. Este convenio, en tramitación, tamén permitirá ampliar aos médicos forenses e aos avogados do Estado a formación na academia.