O DOG publica hoxe a resolución da orde de axudas para 102 asociacións das catro provincias galegas
O Diario Oficial de Galicia publica na edición de hoxe a resolución da orde de axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres da nosa comunidade, por un importe que supera os 176.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.
As axudas teñen coma finalidade fortalecer, consolidar e dinamizar o movemento asociativo feminino promocionando hábitos de vida saudables e accións preventivas da violencia de xénero, coa importancia da suma de esforzos e do asociacionismo feminino en Galicia. Así, un total de 102 entidades foron beneficiarias destas axudas, das que 49 son da provincia de Ourense, 25 de Pontevedra; e 17 e 11, da Coruña e Lugo respectivamente.
As axudas distribúense en dúas liñas: consolidación do movemento asociativo e a promoción de accións de sensibilización, información ou formación en materia de igualdade, e de prevención da violencia de xénero. Son beneficiarias destas axudas as asociacións e federacións de mulleres domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, sen ánimo de lucro e que teñan coma fin promover a igualdade entre homes e mulleres, ademais da participación destas na vida política, económica, cultural e social. As entidades beneficiarias deberán comprometerse á utilización da lingua galega, autorizar á Secretaría Xeral de Igualdade para que realice as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos ou documentos achegados e xustificar que as mulleres representan, polo menos, o 90 por cento da totalidade das persoas asociadas.