O Concello de Brión vén a dar a coñecer a súa oferta formativa para esta segunda quincena de novembro e o mes de decembro, nas que propón á veciñanza dous orixinais obradoiros de cociña, un con castañas e outro sobre as especialidades culinarias de Nadal, así como un curso teórico-práctico de manexo de carretilla elevadora. Nos tres casos, as inscricións poden facerse na Casa da Cultura de Brión ou a través do teléfono 981 50 99 08.
O obradoiro de Cociña con castañas está programado para o sábado 26 de novembro e nel os
participantes aprenderán a elaborar distintos pratos feitos con castañas, aproveitando que estamos en tempo de magosto. O obradoiro de Cociña de Nadal terá lugar o sábado 17 de decembro e nel os participantes recibirán consellos para a preparación de entrantes e pratos principais para sorprender a familiares e amigos nas comidas e ceas de Nadal. O prezo de inscrición en cada un dos cursos é de 30 euros, sendo preciso un mínimo de 10 anotados para a celebración do obradoiro.
Finalmente, o Curso de manexo de carretilla elevadora está dirixida a veciños e veciñas que desexen adquirir competencias no manexo desta maquinaria, unha ferramenta de traballo de uso habitual en moitas empresas. O curso constará de dúas partes: unha teórica, que se celebrará na sala de exposicións municipal, e outra práctica que terá lugar no pavillón polideportivo. As clases terán lugar o venres 16 de decembro, de 16:00 a 21:00 horas, e o sábado 17 de decembro, divididos en grupos de mañá e de tarde. A cota de inscrición é de 10 euros, sendo preciso un mínimo de 20 persoas matriculadas para a súa realización.