Haberá 3 categorías: investigadores, peregrinos e menores de 18 anos, que deberán entregar os seus escritos antes do 31 de marzo de 2017
O Concello de Oroso convoca a segunda edición do Certame Internacional de Traballos de Investigación do Camiño Inglés, que na súa primeira edición recibiu un total de 26 traballos e que foi gañada polos investigadores Óscar Perea Rodríguez, da Universidade de Lancaster, e Paula Cadaveira López, da Universidade de Santiago de Compostela. O certame estará aberto a calquera persoa que desexe participar, sempre que o seu traballo se refira a calquera faceta do Camiño Inglés tanto en Galicia como noutras partes de España ou do mundo.
Os traballos deberán ser orixinais e inéditos, e poderán entregarse en galego normativo, castelán ou inglés. O Concello de Oroso establece tres categorías: investigadores, peregrinos maiores de 18 anos e mozos/as menores de 18 anos. Os traballos deberán presentarse en soporte papel no centro cultural de Sigüeiro e enviarse en PDF ou Word ao mail cultura@concellooroso.com. A data límite de presentación será o 31 de marzo de 2017.
Extensión e premios
A extensión mínima dos traballos de investigadores será de 18.000 caracteres e optarán a tres premios: 1.000 euros, unha tablet e unha viaxe ata A Coruña ou Ferrol para facer o Camiño Inglés (con cea e aloxamento en Oroso). No caso dos peregrinos, poderán presentar os seus diarios de peregrino ou relatos das súas experiencias persoais dun mínimo de 5.000 caracteres. Optarán a tres premios: unha tablet, un disco duro e un convite para dúas persoas para coñecer o Camiño Inglés en Oroso durante unha fin de semana. Finalmente, na categoría de menores de 18 anos, os caracteres mínimo son 2.500 e os tres premios serán: unha tablet, unha Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago e un bono de 100 euros para mercar nunha tenda local. Os traballos deberán presentarse mecanografados a dobre espazo, agás os estudantes de Primaria e Infantil que poderán presentalos escritos a man.
O Concello de Oroso quedará cunha copia dos traballos presentados, que pasará a formar parte dos fondos propios do Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés (CEICI). Así mesmo, os autores cederán ao Concello os dereitos de publicación da primeira edición dos traballos premiados.