Concertos, xantares, orquestras, sorteos e xogos terán lugar no Campo da Feira durante todo o día para venerar a súa patroa
A Banda de Música de Ordes celebrará este vindeiro sábado, 19 de novembro, a festividade de Santa Icía, patroa dos músicos. O lugar de encontro para as persoas que queiran participar do programa será o Campo da Feira, onde se instalará unha gran carpa con calefacción. A xornada arrancará ás 13 horas cun concerto homenaxe ao profesorado da Escola Municipal de Música.
Ás 14.30 horas iniciarase a chamada Festa dos socios, na que ademais do xantar tamén se levarán a cabo sorteos de agasallos e xogos. A música volverá soar a partir das 17.30 horas co concerto XV Aniversario, que interpretarán conxuntamente a Banda de Música de Ordes e a Banda Xuvenil de Ordes. Posteriormente, ás 18.30 horas, cederanlle o testemuño á orquestra Os Modernos, que animarán cun pase que durará ata iso das 20 horas, momento no que subirá ao escenario o grupo Embruxo Gaiteiros. Para concluír o día de celebración a orquestra Xacobeo ofrecerá o seu repertorio co que fará bailar a todos e a todas a partir das 21 horas.
O evento está organizado pola Asociación Amigos da Música de Ordes, en colaboración co Concello de Ordes e a Deputación da Coruña.