Novo avance na implantación da administración electrónica
O Concello de Riveira informa de que a partir de hoxe mércores a páxina web (www.riveira.gal) conta con novas funcións online para facilitar que os veciños poidan realizar trámites municipais a través de internet as 24 horas do día.
Así, o Portelo Dixital conta cunha nova pestana, titulada trámites en liña, que incorpora de momento as seguintes funcións:
• Tramitación de certificados de empadronamento, convivencia e de situación.
• Solicitudes de carácter xeral: presentación de instancias ao rexistro xeral co seu correspondente número de entrada igual que se se estivese formalizando fisicamente na Oficina de Atención Cidadá. Ás solicitudes pódesenlle adxuntar diversos arquivos, como imaxes, documentos en pdf, etc…
Para poder ser usuario destas prestacións cómpre ter un DNI electrónico ou ben un certificado dixital.
Estas novidades supoñen un novo avance na implantación da administración electrónica despois de que no pasado mes de marzo e de xeito paralelo á apertura da Oficina de Atención Cidadá se habilitase a posibilidade de consulta telemática en relación ao estado de recibos, notificacións, instancias presentadas por Rexistro, etc.