A sala de exposicións municipal de Brión acollerá ata o próximo 19 de novembro a exposición “Soños”, unha mostra de pintura e escultura de once artistas membros da Asociación Galega de Arte e Cultura (AGAEC). Unha exposición que foi inaugurada polo alcalde de Brión, Xosé Luís García, quen destacou que “esta é a segunda exposición colectiva que faia a AGAEC en Brión, onde tamén teñen exposto moitos dos artistas que hoxe amosades aquí as vosas obras e agardamos que moitos máis teñades a ocasión de amosar a vosa arte neste espazo para a cultura”.
“Soños” recompila unha seleccción de cadros e esculturas dunha ducia de artistas galegos: Isabel Andrés, Beatriz Barcia, Marina “Cocós”, Constantino Cuesta, Fran Lareo, Pepa Mariño, Esther Molinero, Nietto, Mary Olivares, Suly e Carmen Torres. Unha mostra que ten como comisaria artística a Pepa Mariño.
O alcalde brionés ironizou co feito de inaugurar unha exposición chamada “Soños” e presentar un libro titulado “Soñadores sin porvenir” nun tempo máxico como o do Samaín, “pois en Brión celebramos o Samaín, non o Halloween”. Por iso, “e a pesar de que non estamos nuns tempos para ser moi optimistas, eu o único que quero é que os nosos soños se fagan realidade”.
Loitar polos soños
Pola súa banda, Pepa Mariño, comisaria da exposición e representante da AGAEC, agradeceu a acollida ofrecida polo Concello de Brión pero lamentou que a nosa sociedade “está en ese callejón de los sueños rotos que decía la canción”. Así, Mariño lamentou a actual situación que viven non só a cultura e a arte, senón a sociedade en xeral, polo que instou a “estar en guardia para no dar ni un paso atrás. Hay que seguir soñando, pero luchando”.
Un punto que recolleu tamén Constantino Cuesta Ibáñez, dobremente protagonista ao particpar como pintor e escritor, xa que aproveitou a ocasión para presentar o seu libro “Soñadores sin porvenir”. Cuesta quixo “romper unha lanza a prol da política, pois non todos os políticos son iguais e tamén hai xente que brega duro”.
O escritor destacou que o seu libro “está dedicado ao meu pai que, con 16 anos, tivo que ir a unha guerra a disparar contra xente que non lle fixera nada”, polo que cualificou a súa segunda novela como “unha homenaxe á xente que perdeu a súa vida, a esa xeración perdida de finais da II República e comezos da Guerra Civil”.