A empresa Nagar Servicios estará no recinto feiral de Moeche este venres para atender as inspeccións deste municipio e dos concellos limítrofes
Recentemente fíxose obrigatorio ter que pasarlle unha inspección técnica periódica aos equipos profesionais empregados para aplicar produtos fitosanitarios. Denominada ITEAF, esta inspección cómpre pasala cada 5 anos e só están suxeitos a ela os aparellos con máis de 100 litros de capacidade. É dicir, principalmente as sulfatadoras suspendidas ou arrastradas por tractores, aínda que tamén aqueloutros equipamentos que pasen desa capacidade e incluso os sistemas fixos colocados en plantacións e invernadoiros. A data límite para pasar esta inspección é o día 26 de novembro e unha das oportunidades máis próximas terémola este venres, día 18 de novembro, en Moeche.
Tal e como se informou no último boletín Novas, no recinto da feira botará todo o día persoal da empresa Nagar Servicios Ambientales S.L., unha das firmas acreditadas pola Xunta para levar a cabo as inspeccións técnicas de equipos de aplicación de fitosanitarios. Para solicitar cita previa abonda con chamar ao 981 792 519 ou entrar na súa web. A día de hoxe estaba cuberto o cupo da mañá, pero aínda quedan ocos libres para pola tarde.
Para superar con ben a inspección hai que ter en conta o seguinte:
Hai que ter a maquinaria dada de alta no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola e presentar a cartilla correspondente o día da inspección. O número de bastidor debe estar ben visible e o equipo ten que presentarse limpo por dentro e por fóra e sen fugas nos circuítos nin na bomba.
Outro requisito é que o depósito ha de estar cargado con 2/3 de auga limpa, levar compensador de presión na tapa e un visor de volume. Os manómetros tamén teñen que cumprir coa normativa en canto á medición. Os de ata 5 bares de presión de traballo teñen que indicar de 0.2 en 0.2 bares, e os de máis de 5 bares de presión deben medir en pasos de 1 en 1 bar como mínimo. Folga dicir que a maquinaria ten que levar instalados, limpos e en bo estado os tres filtros obrigatorios: o da toma de auga, o que vai colocado antes da bomba e calquera outro que vaia despois da bomba, xa sexa xeral ou por sectores de boquillas.
Os sistemas de pulverización tamén deben estar en perfectas condicións para non pingar e para garantir unha distribución homoxénea do produto. Neste sentido o correcto é que todos os sistemas de barras teñan boquillas iguais e, se o brazo ten máis de dez metros, é obrigatorio que a boquilla do estremo leve protección.
No caso de atomizadores (as máquinas con ventilador) ten que haber simetría entre as boquillas do sector dereito e esquerdo, peches individuais de cada boquilla e que o ventilador estea debidamente protexido e cun sistema de desconexión independente.
Alén das medidas que aseguran unha aplicación racional dos fitosanitarios, a ITEAF tamén mira que os equipos cumpran coa normativa en materia de seguridade no traballo. Por iso debe haber un dispositivo de protección da árbore de transmisión mediante unha cadea antixiro e un protector tipo campana que cubra o enganche da transmisión coa bomba.
Por último, a empresa Nagar Servicios Ambientales S.L., indica que non son obrigatorios os filtros nas boquillas -a menos que o fabricante así o esixa-, nin os depósitos auxiliares para lavado ou incorporación de produtos nin tampouco os sistemas de marcación de espuma.
A normativa esixe que os equipamentos cunha capacidade superior aos 100 litros pasen a ITEAF cada cinco anos. O límite neste 2016 marcouse no 26 de novembro e a ela terán que acudir, obviamente, os aparellos con máis de cinco anos. Se se supera, a inspección é valedeira por outros cinco anos, agás no caso de máquinas de cooperativas, empresas de servizos ou equipos con máis de 10 copropietarios, que terá unha vixencia de 3 anos.
As tarifas en vigor para este ano aprobadas pola Xunta son as seguintes:
Pulverizador (só pistola/s)= 45 €+ive
Atomizador (hélice) menor de 400 l. montado en tractor = 50 €+iva
Atomizador (hélice) igual ou maior de 400 l. montado en tractor = 65 €+iva
Espolvoreador = 55 €+iva
Pulverizador de barras menor de 400 l. montado en tractor = 60 €+iva
Pulverizador de barras igual ou maior de 400 l. montado en tractor = 70 €+iva
Invernadoiros e sistemas fixos = 220 €+iva