Saturday 16 de November de 2024

Fene honra con varios eventos o legado educativo dos indianos


Os colexios do concello vestirán este venres á moda de ultramar

O Concello de Fene iniciará o próximo venres os actos conmemorativos do centenario das escolas de instrución dos “Naturales de Fene”, co que se pretende recuperar unha importante parte da memoria histórica local xurdida arredor das escolas fundadas pola emigración de principios do século XX. Unha exposición, un ciclo de conferencias, un concurso de investigación e a xornada “Fene Indiano”, na que participarán os colexios do municipio, compoñen a cerna dunha programación deseñada polas concellarías de Cultura e de Ensino que se estenderá ata mediados do mes de decembro.

O obxectivo principal desta proposta é o de recuperar e dar a coñecer á veciñanza a importancia que tiveron as escolas emigrantes na comunidade, involucrándoa nese proceso de recuperación e, sobre todo, na valoración da evolución do ensino dende as escolas indianas até as corporacións democráticas.

O programa, denominado “Centenario das Escolas Emigrantes, 1916-2016. O ensino en Fene” cadra co aniversario dos grupos escolares Concepción Arenal e Curros Enríquez impulsados desde a Habana por esta sociedade, e cos 101 anos da inauguración da escola de Limodre, promovida tamén desde Cuba polo colectivo emigrante. Tres construcións erguidas coas achegas indianas que, ademais, supuxeron un importante adianto educativo no territorio en canto a metodoloxía, currículos e equipamento docente en comparanza coa “situación desoladora” que se vivía noutras zonas por aquela época.

Os actos conmemorativos comezarán este venres 18 de novembro coa xornada escolar “Fene Indiano”, un día no que o alumnado e o profesorado dos centros de ensino asistirá ás aulas vestidos coma os emigrantes que volvían á terra. Ese mesmo día, o grupo de teatro do CMI Unidade de Fene percorrerá os colexios representando unha pequena peza teatral e distribuíndo folletos nos que se convidará á rapazada para que asista á inauguración da exposición que organiza o Concello de Fene sobre o tema.

A exposición denomínase “Centenario das escolas de instrución dos Naturales del ayuntamiento de Fene” e abrirá o mércores 23 de novembro ás 20.00h. na Casa da Cultura. A mostra -comisariada polo profesor e historiador Guillermo Llorca- combina paneis informativos con fotografías e materiais da época, como por exemplo memorias das sociedades de instrución, cartillas e libros de texto, mapas, pupitres, etc., procedentes do Arquivo Municipal e cedidos polo Museo Pedagóxico Galego (MUPEGA).

A exposición permanecerá aberta ao público até o venres 16 de decembro en horario de 10 a 13.00h. e de 16 a 21.00h de luns a venres, mentres que os sábados abrirá de 10 a 13.00h. (os domingos e festivos permanecerá pechada). Ademais, co obxecto de facilitar a visita dos escolares de Fene a esta mostra, o Concello ofertoulles aos centros de ensino do municipio a posibilidade de realizar visitas guiadas nas que se inclúe tanto o transporte como a explicación da exposición. Iso si, os colexios deben facer unha reserva previa antes do 17 de novembro.

Conferencias e implicación da comunidade educativa
O programa do centenario das escolas indianas de Fene incluirá tamén un ciclo de conferencias sobre as sociedades de instrución e as escolas de emigrantes. As charlas terán lugar os días 24, 29 e 30 de novembro ás 20.00h. na Casa da Cultura de Fene.

O ciclo abrirao o historiador Guillermo Llorca cunha charla sobre as sociedades de instrución de Fene e as escolas de emigrantes no seu centenario. A segunda conferencia correrá a cargo de Ernesto López Naveiras, quen falará sobre a Alianza Aresana e a Sociedade de Instrución de Redes-Caamouco. E xa para pechar o ciclo a terceira charla será sobre as sociedades de instrución de Mugardos, impartida por Juan A. Carneiro Rey.

Tamén de cara aos centros escolares de Fene, as Concellerías de Cultura e Ensino puxeron en marcha I Concurso de Investigación Histórica, no marco do programa “Fene na memoria. Centenario das escolas de instrución dos Naturales del Ayuntamiento de Fene”. O certame, dirixido ao alumnado de ensino secundario, bacharelato e ciclos formativos, pretende promover o estudo e a investigación sobre distintos aspectos relacionados coas escolas de instrución fundadas polos emigrantes galegos nos concellos de Fene, Mugardos e Ares.

Para realizar os seus traballos, a mocidade participante poderá partir tanto da exposición como das charlas organizadas polo Concello no marco deste programa. O prazo de presentación dos traballos finalizará o 22 de decembro.

Neste mesmo prazo, do 18 de novembro ao 22 de decembro, promoverase nos colexios de Fene unha recollida de fotografías escolares, achegadas polo alumnado. A idea é conseguir instantáneas do pasado para dixitalizalas e publicalas posteriormente en formato dixital en páxina web.

Na programación co gallo do centenario do legado educativo da emigración colaboran a Deputación da Coruña e os centros de ensino do municipio -CPI A Xunqueira, CEIP O Ramo, CEIP Os Casais, CEIP Centieiras, CPR Jorge Juan e IES de Fene-, aos que o Concello lles entregará dous exemplares dun vídeo da autoría de Guillermo Llorca sobre as escolas de emigrantes de Fene.