O Diario Oficial de Galicia publica as resolucións polas que se licitan as obras, consistentes no illamento térmico das fachadas
A Xunta destinará 1.009.293,85 euros á execución de obras de mellora da eficiencia enerxética de tres edificios de vivendas de promoción pública emprazados en Santiago de Compostela. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións do Instituto Galego da Vivenda e Solo polas que se licita a execución das obras.
As obras, que consistirán no illamento térmico dos edificios polo exterior para mellorar a súa eficiencia térmica e, polo tanto, incrementar o rendemento do consumo enerxético realizado nas mesmas, realizaranse nos edificios de vivendas de promoción pública, construídas polo IGVS, emprazadas en Ponte Pereda (Letras Galegas, número 8), As Cancelas-Mallou (Salgueiriños de Abaixo, 15-A e 15-B) e no sunp-9, en Belvís.
No caso das vivendas de Ponte Pereda o investimento será de 226.508,56 euros e o prazo de execución das obras de catro meses. O edificio, promovido polo IGVS, comprende un total de 25 vivendas.
Nas Cancelas-Mallou o investimento acadará os 189.544,14 euros e o prazo será tamén de catro meses. En total o edificio sobre o que se actuará inclúe 21 vivendas promovidas polo IGVS.
Finalmente, en Belvís investiranse 593.241,15 euros, cun prazo de execución de doce meses a contar dende o inicio das obras. Neste caso trátase dun edificio de 70 vivendas de promoción pública adxudicadas en réxime de alugueiro.
As obras están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.
As empresas interesadas dispoñen de 26 días naturais para presentar as súas ofertas.