Avoga por seguir tomando decisións tan valentes como as que se tomaron en 1991, cando o Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña realizou o primeiro transplante de corazón de Galicia
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a xenerosidade e entrega dos profesionais do Servizo Galego de Saúde, así como dos doantes e as súas familias. Todos eles fixeron posibles, nestes 25 anos, 752 transplantes de corazón. “752 segundas oportunidades que Galicia lles puido dar ás persoas que padecen do corazón”, subliñou.
Durante a presentación do libro Con el corazón en la mano. 25 años de cirugía cardíaca en A Coruña, do doutor Alberto Juffé, Feijóo lembrou que antes de 1991 saían de Galicia moitos doentes, “peregrinando a intentar curar o corazón”. “Hoxe, hospitais de toda España e de todo o mundo veñen a Galicia buscaren cardiólogos”, indicou.
O titular do Executivo autonómico avogou por seguir tomando decisións tan valentes como as que se tomaron en 1991, cando o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña realizou o primeiro transplante de corazón de Galicia. “Temos que seguir concienciando á poboación da importancia de doar órganos, temos que seguir reducindo as listas de espera e temos que seguir adoptando as técnicas que permitan aumentar a esperanza de vida das persoas transplantadas”, dixo.
Por último, Feijóo puxo de manifesto que España é, xunto a Croacia, o país con máis doantes de órganos do mundo, con 40,2 por millón de habitantes. En España, que ten só o 0,6% da poboación global, realízanse o 4% dos transplantes do planeta.