O equipo da SM2 segue encabezando a táboa do seu grupo e é firme candidato a facerse cunha praza na Copa Príncipe
Mal fin de semana para o volei local nos seus enfrontamentos a domicilio contra o Cambados, o Boiro e o Rianxo. Os equipos sénior masculino e feminino e as cinco formacións volveron para a casa cos petos baleiros de todo. Literalmente, xa que todos os partidos disputados o sábado -salvo un- se saldaron igual: 3-0. Só se salvou do zoco o Mesón A Granxa, que logrou facerlle un set ao Jealsa Boiro o domingo. E tamén a escuadra da SM2, que descansou e que segue manténdose na cabeza da táboa do Grupo A da SM2 cunha vantaxe dun punto sobre o seu inmediato perseguidor, o Universidad de Valladolid. Os de Blanco viaxan o sábado a Lugo para medirse co Emevé -pavillón municipal, 20.00h.- coa firme intención de poñer de novo terra por medio na clasificación e achegarse máis á praza na Copa Príncipe.
E é que o Aldebarán-Intasa está a só un paso de poder disputar de novo o trofeo que quedou en San Sadurniño a temporada pasada. Esta primeira rolda da SM2 xógase en dous grupos, o A e mailo B, e o Sansa encabeza o primeiro. A Copa Príncipe dispútase a catro, achegando cada grupo dous equipos. A incógnita agora mesmo sobre quen vai enfrontarse nela non está tanto na clasificación, aínda que tamén, senón na decisión que tome a RFEV ao respecto de quen será este ano o clube organizador, que xa terá praza asegurada. Así as cousas, se hai un equipo do mesmo grupo que o Aldebarán que solicite a competición para a súa casa, a praza que dan os puntos só a terá o primeiro, mentres que do Grupo B xogarán o primeiro e mailo segundo clasificados. E, ao revés, se quen pide a organización é un equipo do Grupo B, os dous cabezas do Grupo A terán praza segura.
Esa é a razón pola que no clube local non se dá nada por ganado polo momento. As cousas píntanlle ben e confía nas súas posibilidades, pero entre os xogadores prefírese levar a cousa con prudencia. A próxima cita é, en principio, doada. Trala fin de semana pasada de descanso, o Aldebarán-Intasa acode este sábado a Lugo para enfrontarse ao Emevé. O equipo marcha penúltimo na clasificación e, ademais, ten de baixa por lesión ao líbero Álvaro Bustos, un dos homes máis importantes da formación luguesa. Circunstancias as dúas que lle poñen de cara o partido aos de San Sadurniño, a quen un marcador rotundo de 0-3 e un patinazo do Universidad de Valladolid (que xoga na casa do Dumbría) lle valerían estar practicamente dentro da Copa Príncipe.
E mentres ao equipo da SM2 as cousas lle van vento en popa, o resto de formacións locais seguen capeando temporais con ilusión e moita moral. Os resultados da fin de semana fóra da casa -cualificados como “unha pequena debacle” indican que o xogo non pasa polos seus mellores momentos. Algo ao que desde o club se lle quita ferro apuntando a que o mal resultado non é por falla de esforzo, senón por cuestións “que se deben analizar con tranquilidade para corrixir erros”. Con todo, o Aldebarán fai unha lectura positiva: “hai unha canteira interesante e bastante numerosa, os adestradores están traballando con ilusión e interese e entre os xogadores e xogadoras non hai desánimo. Todo o mundo está traballando duro para cambiar a actual dinámica, e seguro que o cambio ha chegar pronto”, sinala o club nunha nota de prensa.
Nas categorías femininas as sénior do Maxi Pedroso caeron diante do Cambados por 3 a 0 (25-22/25-21 e 25-16), as xuvenís do Fisio-che-ben asinaron o mesmo marcador ante o Rianxo (26-24/ 25-22 e 25-17) e o equipo infantil tamén caeu diante do Boiro 3-0 (25-13/ 25-13 e 25-13).
En masculino, o recén estreado na primeira autonómica sénior Mesón A Granxa xogou dous partidos para casar axendas ligueiras. O sábado perdeu en Rianxo 3-0 e o domingo fixo o propio contra o Jealsa Boiro, aínda que neste caso por 3-1. O equipo xuvenil tamén caeu en Boiro por 3-0 (25-14/ 25-23 e 25-10) e, por último, a formación cadete, que tampouco conseguiu frear a forza barbanzana e perdeu 3-0 (25-8/ 25-22 e 25-10).