Sunday 24 de November de 2024

O Concello colabora co Banco de Alimentos Rías Altas no seu programa de captación de voluntarios e na Operación Quilo


O Goberno local destinou, nos últimos tres anos, 42.200 euros para os gastos de funcionamento da entidade e para os proxectos de recollida e distribución dos alimentos doados

A O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, demostrou unha vez máis, en nome do Concello, o apoio do actual equipo de goberno coas entidades sociais que traballan en favor dos máis necesitados. Neste caso, trátase da Asociación do Banco de Alimentos Rías Altas, coa que o Executivo municipal colaborará en dúas campañas: captación de voluntarios que contribúen a desenvolver as súas accións solidarias na cidade e a Operación Quilo que se celebrará entre os días 28 e 29 de novembro.
O responsable municipal de Servizos Sociais ofreceu ao presidente do Banco de Alimentos Rías Altas a colaboración do Concello no seu programa de captación de voluntarios para a entidade. Neste sentido, o Goberno municipal destaca a solidariedade e o alto compromiso que demostran a diario os coruñeses en materia social.
Para contribuír a todas estas accións, durante o ano pasado, o Concello cedeu un local no Paseo das Pontes ás entidades Voluntariado Social Fonseca e á Plataforma Coruñesa do Voluntariado, formada por máis de 20 asociacións; e puxo en marcha en 2013 o programa de Voluntariado Social co principal obxectivo de promover a participación dos veciños en accións de formación; información, sensibilización e difusión; de voluntariado social e de captación de voluntarios nos propios centros cívicos, onde actualmente participa un grupo estable de ao redor dun centenar de voluntarios.
Esta rede de voluntarios sociais nos centros cívicos tamén contribuirá á hora de colaborar co Banco de Alimentos Rías Altas na nova Operación Quilo, que se celebrará entre os días 28 e 29 de novembro. Así, anunciarase este evento solidario nos centros cívicos municipais co obxectivo de lograr a maior cantidade de alimentos posible.
Non é a primeira colaboración que realiza o Concello a través dos centros cívicos municipais co Banco de Alimentos Rías Altas. Durante o pasado mes de outubro, entregáronse a esta entidade 5 toneladas de produtos recollidos nunha soa semana nos centros cívicos; e cedéuselle á institución que preside Luis Camba o salón de actos do centro cívico Dos mallos para que puidese organizar un concerto benéfico para a recollida de produtos alimenticios.

CONVENIOS DE COLABORACIÓN
O Concello, a través da Concellaría de Servizos Sociais, segue deste xeito adiante co seu plan de colaboración coas entidades que traballan na cidade en favor dos colectivos máis necesitados e dentro do compromiso de converter A Coruña na cidade máis solidaria de Galicia.
No caso concreto da Asociación Banco de Alimentos Rías Altas, o actual equipo de goberno mantén dende o inicio do mandato o seu compromiso de colaborar con esta institución social no desenvolvemento das súas actividades. Así, nos últimos tres anos, concedeu subvencións e asinado convenios por un importe que ascende a 42.200 euros, un investimento que contribuíu a financiar os gastos de funcionamento e mantemento da entidade e os proxectos de recollida e distribución de alimentos doados.
A colaboración económica creceu ano a ano ata alcanzar os 20.000 euros en 2014. De feito, o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asinou recentemente dous convenios coa asociación: 10.000 euros para gastos de funcionamento e mantemento, e outros 10.000 euros para a recollida e distribución de alimentos a entidades con persoas necesitadas.
O Concello tamén mantivo a súa estreita colaboración coa Asociación Banco de Alimentos Rías Altas a través doutras iniciativas: en 2012 cedéuselle unha nave da Empresa Municipal de Augas (Emalcsa) no polígono da Grela para que poida desenvolver o seu labor solidario de axudar ás familias con menos recursos e ás entidades sociais que precisamente colaboran cos que máis o necesitan.
O Banco de Alimentos Rías Altas fundouse na Coruña o 31 de maio de 2010 e está integrado na Federación Española de Bancos de Alimentos (Fesbal). Trátase dunha asociación sen ánimo de lucro onde a súa única finalidade é axudar á sociedade:
primeiro, conseguir excedentes de alimentos en perfectas condicións e de xeito gratuíto para o consumo humano; e despois, distribuílos a través de entidades sociais entre as persoas máis necesitadas. Na actualidade, o Banco de Alimentos Rías Altas atende a través das institucións sociais colaboradoras a ao redor de 28.000 persoas ao día.