Saturday 16 de November de 2024

Xan Veiga, penúltimo convidado do “Novembro, mes do humor” do Museo do Humor de Fene


O monologuista arzuán actuará este venres a partir das 20.00h. na Casa da Cultura con entradas de balde, que se poderán recoller o mesmo día a partir das catro da tarde

Xan Veiga ou “Xan de Arzúa”, por calquera dos dous nomes é coñecido sobradamente o monologuista -máis ben parrafeador e contacontos- que este venres encherá de retranca e risas o auditorio da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene. Actuará a partir das 20.00h. dentro do ciclo “Novembro, mes do humor” organizado pola Concellaría de Cultura e Ensino, polo que xa pasaron Carlos Blanco e Paula Carballeira e polo que tamén pasará como peche Quico Cadaval o día 25. As entradas para o espectáculo de “Xan de Arzúa” son gratuítas e poden retirarse a partir das 16.00h. do mesmo venres na conserxería da Casa da Cultura. Iso si, cómpre non deixalo para última hora posto que só hai 120 convites e entregaranse como máximo dous por persoa.

Quen coñecen a Xan Veiga non se estrañan de que acabara facendo rir á xente. Práctica non lle faltou. Na súa web explícase que este natural de Arzúa -de aí o nome artístico- era xa de novo o típico “gracioso”. Condición que el asumiu como virtude e que o animou a presentarse a algúns concursos tanto a nivel autonómico como estatal. Neles descubriu que “o humor era algo máis que o que empregaban os indios para facer sinais nas películas de Chiquito de La Calzada”.
A súa elección para botar contos no Luar da TVG hai máis dunha década fixo que aumentase a súa paixón polos escenarios, dos que non baixou desde aquela. Fai todo tipo de traballos tanto en televisión como en radio, teatros, festas, pubs, etc., valéndose da variedade de rexistros que emprega para imitar voces de nenos, acentos estranxeiros, sons de animais… e, principalmente, dun xeito de contar retranqueiro e cercano ao público.
Ten compartido escenario con artistas da talla de David Bisbal ou Miguel Bosé e con humoristas como Rober Bodegas, Carlos Blanco, Félix el Gato, Pepo Suevos, Pedro Reyes ou David Amor. Ganador de concursos de televisión como “Supermartes” (TVG) ou “No te rías que es peor” (TVE1), continúa colaborando no Luar e, ademais, levou o premio ao mellor traballo orixinal na edición 2011 de “Nosolomonólogos” no que participaron máis de 80 humoristas.
A actuación de Xan Veiga -ou “Xan de Arzúa”- será a penúltima do ciclo “Novembro, mes do humor”, organizado pola Concellaría de Cultura e Ensino coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña. O espectáculo está posto para este venres 18 ás 20.00h. no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene e, igual que no resto das actuacións do ciclo, con entrada gratuíta. O aforo está limitado a 120 persoas e os convites (2 por persoa) poderán recollerse na Casa da Cultura o mesmo venres desde as 16.00h.

“Novembro, mes do humor” concluirá o venres 25 de novembro co espectáculo “Fantasmas familiares” de Quico Cadaval. Esta derradeira sesión do ciclo cadrará coa apertura-inauguración da exposición “Curuxas 2016” e coa entrega de premios do concurso de humor gráfico que organiza anualmente o Museo do Humor de Fene.