Coa contribución da veciñanza deste municipio coruñés, foi posible acadar a recuperación ata niveis axeitados das reservas de todos os grupos sanguíneos, especialmente do Cero Negativo
A solidariedade dos veciños e veciñas de Ribeira os pasados días 4 e 5 de novembro, evidenciouse nas 116 doazóns de sangue recollidas, aínda que resulta preciso salientar que foron 135 os cidadáns que quixeron achegarse ata a unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) para participar.
Este elevada participación tivo lugar nun momento especialmente sensible xa que, nas xornadas previas á visita da unidade móbil de ADOS ata Ribeira, realizouse un chamamento á cidadanía para tentar elevar o volume de doazóns do grupo Cero Negativo, popularmente coñecido como “doador universal”.
A resposta dos veciños e veciñas de Ribeira resultou excepcional e grazas a súa colaboración, e a de todos os cidadáns, que se achegaron a doar sangue na primeira semana do presente mes, acadouse a recuperación das reservas de todos os grupos sanguíneos ata niveis axeitados.
Constante colaboración
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra que Ribeira, en 2015, acadou as 1.361 doazóns, o que supón unha taxa de 50 doazóns por cada 1.000 habitantes, índice que se atopa dentro do que recomenda a Organización Mundial da Saúde para cubrir as necesidades de compoñentes sanguíneos dos hospitais (40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes ano).
As cifras salientan por sí mesmas o carácter colaborador e o continuo compromiso coa doazón de sangue da veciñanza de Ribeira e da corporación municipal que leva máis de 20 anos traballando a prol do desenvolvemento das campañas de sensibilización e información en torno ao solidario xesto da doazón.
Neste sentido, ADOS quere amosar o seu sincero agradecemento a todos os cidadáns de Ribeira que, tanto nesta última visita, como en ocasións precedentes, teñen participado activamente nas campañas de doazón de sangue, recoñecemento que desexa facer extensivo ao Concello de Ribeira pola súa constante colaboración e decidido compromiso a prol da doazón de sangue.