Friday 22 de November de 2024

Dezaoito establecementos hostaleiros participarán esta semana na primeira ruta gastronómica “Bocados de Outono” de Oroso


Durante os días 18, 19 e 20 de novembro, estes establecementos obsequiarán a todos os seus clientes cunha elaboración especial con cada consumición
O Concello de Oroso organiza a primeira ruta gastronómica “Bocados de Outono”, na que tomarán parte 18 locais do municipio que durante os días 18, 19 e 20 de novembro obsequiarán a todos os seus clientes cun bocado especial con cada consumición. A concelleira de Turismo, Vanesa Boo, explica que “despois do gran éxito acadado con Concurso de Tapas, estivemos dándolle voltas a como atraer un maior número de visitantes a Oroso e dinamizar a nosa hostalería polo que se nos ocorreu esta ruta gastronómica coa que promoveremos a nosa gastronomía entre todos cantos nos visiten”.

Vanesa Boo amosa a súa satisfacción “pola gran colaboración ofrecida polos hostaleiros, que apostaron con decisión por unha nova iniciativa que agardamos que sexa atractiva tanto para os veciños e veciñas de Oroso como da nosa contorna”. Os locais participantes son: Bar Tapas, Sigüeiro Hostel, Café Bar O Xardín, Cafetería 6 Ríos, Bar X que no?, Cafetería Ché, D´Vila, Café Bar Restaurante Mirás, Sigü Café, Adega O Ribeiro, O Café de Manuela, Bar Stop, Restaurante La Cantina, Anbore Coffee Bar, Mesón Tambre, Restaurante O Cortés, O Noso Mesón e Pulpería Mesón As Rías.

Proposta de bocados

O Concello de Oroso comezou esta mañá a distribuír entre os locais participantes as distintas propostas gastronónicas para cada unha das tres xornadas. Unhas propostas culinarias que fan honra ao nome da ruta, “Bocados de outono”, pois son tapas elaboradas con produtos de temporada. Así, pratos tradicionais coma o cocido, os callos, as filloas ou as castañas conviven con produtos de caza Ucoello, xabarín, perdiz…) ou os cogomelos e níscalos, cuantitativamente o produto máis escollido e que se poderá degustar en solitario, con ñoquis, en albóndegas, con perdiz ou en distintos revoltos e risotos.

A diferenza do Concurso de Tapas, nesta ruta gastronómica non haberá votación nin premio á mellor tapa. Simplemente entregarase un bocado con cada consumición nos seguintes horarios: venres 18 de novembro (de 19:00 a 22:00 horas), sábado 19 (de 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas) e o domingo 20 (de 12:00 a 15:00 horas). Con esta iniciativa, o Concello de Oroso continúa apostando pola dinamización do seu sector hostaleiro, organizando actividades que atraian máis visitantes ao municipio.