Friday 22 de November de 2024

Inicaranse en Vilamaior as obras de construción da nova Ponte do Melante


A nova drenaxe evitará o asolagamento que nos últimos anos se vén provocando polas fortes chuvias. A estrada permanecerá cortada aproximadamente dous meses. O investimento supera os 80.000 euros

O Concello de Ordes anuncia o inicio inmediato na parroquia de Vilamaior das obras de arranxo e mellora da ponte situada sobre o Rego Buxán, coñecida tamén como Ponte do Melante. A partir do vindeiro luns, 14 de novembro, o tráfico quedará cortado por este punto e se desviará de maneira alternativa pola estrada que transcorre polo cruce do Casal-Porpalla-Peñasco. O orzamento para este proxecto ascende a 80.561 € e o prazo de execución das obras estímase en dous meses.
Trátase dunha intervención moi necesaria e demandada pola veciñanza da zona que ten como finalidade correxir o deficiente estado no que se atopa esta drenaxe transversal. Con isto quérense evitar os continuos asolagamentos sobre a estrada de titularidade municipal situada neste punto, provocados polas chuvias fortes. Incídese así tanto na mellora da comunicación da zona con outras áreas do concello e coa estrada N-550, como na seguridade de condutores e peóns que transcorren polo lugar.
A nova infraestrutura prevista consiste nunha nova ponte construída ‘in situ’ con formigón armado mediante cimbra cun ancho de 8 metros. Contémplase o derrivo da actual infraestrutura e o movemento de terras necesario para a debida execución do cimentado do pórtico novo, o cal terá unhas dimensións de 5×2,7 metros. Unha vez aseguradas as zapatas, muros e lousas superiores colocarase un muro de acompañamento realizado en pedra de granito, ademais de varandas e barreiras de seguridade. O reafirmado do camiño do contorno realizarase con grava, zahorra e aglomerado quente, e levaranse a cabo tarefas de reforestación con especies arbóreas autóctonas.
O proxecto está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEDER), a través da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.