Friday 22 de November de 2024

O PSOE de Ordes presenta as súas propostas de proxectos a incluír no Plan de Obras e Servizos e no Plan de Acción Social da Deputación da Coruña


Verónica Gómez insiste na urxencia de eliminar a perigosa saída dende Villamaior á AC-524

O grupo municipal socialista de Ordes presentou esta mañá no Concello de Ordes a súa proposta de actuacións para incluír no Plan de Obras e Servizos (POS) e Plan de Acción Social (PAS) que convoca a Deputación da Coruña. A voceira municipal do PSOE de Ordes, Verónica Gómez, salienta que se trata “dunha proposta que recolle as distintas peticións que nos realizaron os veciños e veciñas de Ordes, moitas das cales xa temos presentado o ano pasado pero que non foron tidas en conta polo alcalde”.

Así, os socialistas volven denunciar por terceiro ano consecutivo a urxencia de eliminar o perigoso acceso á AC-524 Ordes-Abellá dende Villamaior. Este acceso está emprazado nunha perigosa curva de reducida visibilidade na AC-524, unha estrada de moito tráfico (sobre todo tráfico pesado) e que circula a gran velocidade. “Para evitar esta perigosa saída propoñemos acondicionar outro vial da zona, que sería unha alternativa moito máis segura para os condutores da parroquia de Villamaior”, explica Gómez Fuentes.

Así mesmo, os socialistas solicitan a construción de varios tramos de beirarrúas no barrio do Paraíso, concretamente fronte ao IES Nº1 e na rúa García Gerpe. Ademais, reiteran unha das propostas presentadas en pleno: a construción dunha ponte dende a estrada de Barbeiros ao Pedrouzo e Fondo da Vila.

Propostas non aceptadas

Os socialistas de Ordes agardan que nesta ocasión o convite do alcalde a presentar propostas para o POS e o PAS da Deputación non quede no brindis ao sol no que quedou o do ano pasado. Por iso, reiteran as súas peticións dun bombeo para o saneamento na Maquía (Buscás), depuradora e saneamento en Lavandeira (Poulo) e melloras no saneamento e abastecemento en Reboredo, Piñeiro, A Gorita, Parada (en Castenda e na zona da Igrexa-O Pazo) e Pereira (abastecemento de auga na Aldea de Abaixo, a Rúa, A Igrexa e A Pedra). Así mesmo, piden o remate das obras de saneamento na Espenica e na Castiñeira. “É unha vergoña que os veciños e veciñas de Ordes teñamos que estar pagando o canon da auga e a Xunta non acometa nin un só investimento no municipio en materia de saneamento e abastecemento”, lamenta Verónica Gómez.

Finalmente, os socialistas reiteran as súas tres propostas para o PAS: incluír un Plan de Emprego Xuvenil e outro para maiores de 50 anos, poñer en marcha un plan de limpeza de concas fluviais para evitar desbordamentos e un plan de fomento do envellecemento activo dos nosos maiores.