Friday 22 de November de 2024

Un total de 34 condutores denunciados este fin de semana por superar a taxa de alcoholemia


A Policía local e a Agrupación de Tráfico da Garda Civil realizaron unha acción preventiva conxunta nas saídas da cidade na madrugada do sábado ao domingo

O Concello da Coruña, a través da área de Seguridade Ciudadana que dirixe Julio Flores, informa de que durante a madrugada do sábado ao domingo un dispositivo especial da Policía Local da Coruña e a Agrupación de Tráfico da Garda Civil detectou a un total de 34 condutores que deron positivo na proba de alcoholemia.
Esta acción preventiva conxunta e coordinada nas saídas da cidade da Coruña -a máis visible foi a situada en Alfonso Molina que incluía desviacións cara a Pocomaco e Universidade- deu como resultado 375 probas de alcoholemia. Delas, puxéronse a disposición xudicial por superar a taxa de 0,60 mg/litro, sete persoas polo procedemento de xuízo rápido. Así mesmo, outros 27 condutores foron denunciados por infraccións á Lei de Seguridade Vial ao superar a taxa 0,15 ou 0,25 mg/litro.
Ademais, houbo un detido por desobediencia grave ao pretender saltarse o control e fuxirse, colisionar contra un farol na fuxida. Será denunciado ante o Xulgado de Garda por un concurso de tres delitos: desobediencia grave a axentes da autoridade, conducir vehículo a motor tendo suspendido o permiso de condución e conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas.
Para complementar estas accións de preventivas, establecéronse controis de velocidade nos arredores da cidade da Coruña para mellorar os comportamentos dos condutores e adecuar a velocidade ás esixencias da seguridade vial, co obxectivo de reducir o risco e a gravidade dos accidentes, coa denuncia dos condutores que circulaban por enriba dos límites establecidos.
Estas accións coordinadas entre a Agrupación de Tráfico e a Policía Local da Coruña, seguiranse levando a cabo, abranguendo calquera tramo horario de calquera día e estendéndose a todas as vías, co obxectivo de reducir ao máximo a condución baixo os efectos do alcohol e das drogas, un dos grandes retos aos que se enfronta a seguridade vial.