Friday 22 de November de 2024

Alumnos de xardinería do obradoiro de emprego Tahume 3 melloran cos seus traballos o parque Pedra Pateira


Están a crear unha nova zona axardinada xunto á dorna de pedra

Os dez alumnos da especialidade de viveiros, xardíns e centros xardínería do obradoiro de emprego Tahúme 3 están a realizar ao longo desta semana labores de acondicionamento no parque Pedra Pateira que están a redundar na mellora deste entorno situado xunto ao paseo do Touro.

Así, ademais das pertinentes labores de mantemento están a crear unha nova zona axardinada xunto á dorna de pedra. Por outra parte, cómpre lembrar que, tras a recente obtención dunha subvención con cargo ao Plan Provincial de Medio Ambiente da Deputación, este mesmo espazo recreativo complementarase con outra actuación máis en profundidade destinada a mellorar as condicións de acceso ao parque infantil, reorganizar a distribución de xogos e reforzar a seguridade a través da extensión de pavimento continuo, ademais de crear máis zonas de mediante a plantación de árbores ornamentais. A actuación está valorada en 35.000 euros.

Os alumnos de xardinería tamén están a realizar labores de mantemento ou mellora nas casa de cultura de Carreira e Aguiño e no parque periurbano de San Roque, incluíndo o invernadoiro que serve como centro de produción de plantas.

Tocante ao concello veciño de Porto do Son, actuaron nos colexios de Xuño e Caamaño e nas casas de cultura destas dúas parroquias e da de San Pedro de Muro.

Pintura industrial
En canto a outra especialidade de pintura industrial, os dez alumnos-traballadores estiveron a actuar na fachada do colexio A Capela en Carreira e agora mesmo compaxinan, dependendo do estado do tempo, o pintado da varanda do paseo do Touro coa escaleiras de acceso ao conservatorio municipal.

O obradoiro Tahume 3 arrancou no pasado setembro, destinando o primeiro mes a impartir clases teóricas en materias tales como prevención de riscos laborais, informática, sensibilización ambiental e xestión empresarial, ademais de teoría nun ou outro oficio.

A escola taller está subvencionada pola Consellería de Economía e Emprego da Xunta e prolongarase ata o 28 de febreiro. Doce alumnos son de Riveira e oito de Porto do Son.