Saturday 16 de November de 2024

O Concello adxudica a rehabilitación do antigo Goberno Militar para destinalo a centro cívico da Cidade Vella


O inmoble, valorado en 12 millóns de euros, incorporouse ao patrimonio municipal tras lograr a súa cesión gratuíta

O Concello da Coruña informa da adxudicación do proxecto de rehabilitación e reestruturación parcial do edificio do antigo Goberno Militar, unhas obras que permitirán poñer en funcionamento o centro cívico e o local para a asociación de veciños da Cidade Vella. O Executivo municipal investirá 459.437 euros nesta nova iniciativa, que ten un prazo de execución de 4 meses.
Tras analizar as sete propostas recibidas para este proxecto, a oferta gañadora é a presentada por Desarrolla Obras e Servizos. O Goberno municipal, que logrou a cesión gratuíta do edificio por parte do Ministerio de Facenda e Administración Pública, destinará finalmente 459.437 euros á execución do proxecto, o que supón unha rebaixa do 15,6% (un aforro de 85.062 euros) con respecto ao presuposto de licitación.
A previsión é que as obras poidan empezar este mesmo ano para que, mentres se executan -o prazo é de 4 meses-, se licite tamén o equipamento ao longo do primeiro trimestre de 2015. O Concello tramitou o expediente de licitación para a rehabilitación do antigo Goberno Militar polo procedemento de urxencia para responder o antes posible a esta solicitude dos veciños da Cidade Vella de hai máis de 20 anos.
Dos 3.800 metros cadrados de superficie construída e distribuída en catro plantas,
rehabilitaranse 897,55 metros cadrados entre a planta baixa (294,47), a primeira (260,08) e a segunda (343). O edificio, incorporado ao patrimonio municipal e valorado en 12 millóns de euros, é de gran valor histórico e construído no século XVII. Entre as principais obras que se executarán, destacan:
Restauración da porta da rúa Veeduría máis próxima á rúa Amargura, onde se mellorará a accesibilidade para facilitar a entrada ao centro cívico. Tamén se acondicionarán as ventás de madeira onde se situará o novo centro cívico.
. Recuperación da estrutura existente no interior do edificio e a instalación dun ascensor panorámico no patio interior e a prolongación da escaleira principal que actualmente une a planta baixa coa primeira para que chegue ata o segundo piso.
. Instalación da rede eléctrica, de fontanaría e calefacción e dos sistemas de protección contra incendios; ademais de amoblar a aula de cociña.