Friday 22 de November de 2024

Unanimidade do Pleno de Frades contra a instalación dun vertedoiro en Lousame


O Concello de Frades celebrou esta tarde unha sesión plenaria extraordinaria a petición do grupo municipal do BNG na que se aprobaron dúas mocións tipo dos nacionalistas en contra da instalación dun vertedoiro de residuos en Lousame e da aplicación da LOMCE e as reválidas.

A moción contra a instalación dun Centro de Xestión Ambiental, “que en realidade agocha un vertedoiro de máis de 700.000 toneladas”, segundo explicou a concelleira Lorena Suárez, foi aprobada por unanimidade. Así, o Concello de Frades manifesta a súa oposición á instalación deste centro promovido pola empresa Gestora de Residuos del Noroeste “por ser lesivo ao medio ambiente”. O alcalde de Frades, Roberto Rey, amosouse de acordo coa proposta nacionalista porque “tanto a Deputación como o Concello de Lousame se opuxeron a este proxecto porque non cumpre cos requisitos mínimos de seguridade”.

Tamén se aprobou unha segunda moción do BNG na que se instaba á Xunta de Galicia a pedir a derogación da LOMCE e a eliminación das reválidas “por ser unha obstrución ao dereito á educación universal”, explicou a concelleira Nelly Iglesias, quen denunciou que “non ten en conta a nosa lingua, condiciona o labor dos doentes, é unha presión adicional para o alumnado e poñen trabas á continuidade dos estudos, excluíndo aos máis desfavorecidos”. A moción saíu adiante cos 3 votos a favor do BNG e a abstención do Grupo de Goberno.

Pola súa banda, o alcalde de Frades indicou que “é preciso deixar o ensino fora do debate político” e xustificou a súa abstención en que “nos últimos tempos se está avanzando nunha modificación da LOMCE, estase creando unha subcomisión de Educación no Congreso para traballar por un Pacto da Educación”. Neste sentido, Rey Martínez explicou que “estamos de acordo con que se reforme a lei, con consenso coa comunidade educativa e cos grupos políticos, pero non estamos de acordo con que haxa que derogala”.