Saturday 16 de November de 2024

A repostería e as artes escénicas, da man no programa familiar “12 doces do outono”


A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou o programa 12 doces do outono, unha proposta familiar para os centros socioculturais na que a repostería do outono se une a diversas propostas escénicas. Serán 12 espectáculos, en 12 espazos diferentes, a celebrar os domingos 13, 20 e 27 de novembro e 4 de decembro.

Branca Novoneyra destacou a oportunidade que este programa ofrece para “descentralizar” a oferta cultural e para “abrir os domingos os centros socioculturais”. Neste sentido, lembrou o éxito da iniciativa o pasado ano, coa confianza de que, como entón, se volvan encher os centros socioculturais para gozar da oferta escénica de compañías galegas e degustar os produtos do outono.

A este convite sumáronse tamén na rolda de prensa Guadalupe Rodríguez, técnica responsable de Centros Socioculturais, e Xaime López, de Urdime, coordinador do programa. Ambos destacaron a posibilidade que este programa ofrece tamén para o descubrimento pola poboación compostelá dos espazos culturais que ofrece a cidade e o rural de Santiago.

As representacións escénicas terán lugar os domingos 13, 20, 27 de novembro e 4 de decembro en horario de mañá (12:30h) e tarde (18:00h) en 12 centros socioculturais. En cada un haberá un espectáculo destinado a público familiar.

Da parte gastronómica encargaranse os propios centros socioculturais, a través de obradoiros para a elaboración dos doces que logo se probarán tras as sesións escénicas. Cabaza, marmelo, castañas, peras e outros produtos do outono serán os ingredientes dunhas elaboracións cuxa degustación acompañará o intercambio de impresións entre os veciños e veciñas de Compostela.

Os espectáculos
As primeiras citas de 12 doces do outono serán este vindeiro domingo, 13 de novembro. Ás 12:30 horas, no CSC das Fontiñas, Teatro dos Ghazafelhos representará Acuario. Xa pola tarde, ás 18:00 horas, Teatro Babaluva levará o seu espectáculo e monicreques Tita ao CSC de Conxo. Á mesma hora, pero no LSC de Amio, Trompicallo pon en escena Jiñol, historia contada con títeres de luvas.

A sesión de mañá do seguinte domingo, 20 de novembro, terá lugar ás 12:30 horas no CSC do Castiñeiriño, onde Gloria Mosquera e Magín Blanco, co seu O caderno dos afectos, repasarán as cancións máis recoñecidas polo público infantil. A compañía Traspediante (en colaboración con Pista Catro) levará o seu espectáculo de danza-circo contemporáneo ao CSC de Santa Marta ás 18:00 horas. Ao tempo, no LSC da Gracia, Fantoches Baj representarán Tío miseria.

O programa segue o domingo 27 de novembro, tamén ás 12:30 horas, no LSC da Rocha, con Fátima Villamel e a súa proposta Tirar do fío. Na xornada de tarde, ás 18:00 horas, os centros socioculturais protagonistas serán os de Marrozos e Laraño. No primeiro, Mariza Basso representa O sitio dos obxectos e, no segundo, Talía Teatro pon en escena Rosa Caramelo.

A última entrega de 12 doces do outono será o domingo 4 de decembro, comezando cunha sesión dobre (12:00 e 13:00 horas) no CSC do Ensanche do espectáculo Veu por aquí e marchou por alá, de Percubebés. Para esta proposta, na que os/as bebés experimentarán cos instrumentos musicais, é precisa a inscrición previa no propio centro sociocultural.

A xornada de tarde (18:00 horas) permitirá asistir no CSC de Vite a un obradoiro de danza da man de Can Cun Quinqué. As familias que prefiran os contos teñen outra alternativa no CSC de Lavacolla con Chus Álvarez e o seu espectáculo de narración oral Continentes.