O centro cultural de Sigüeiro acollerá mañá venres 11 de novembro, ás 21:00 horas, unha actuación dos clowns Pedro Brandariz e Fran Rei, que porá en escena o espectáculo “Bivalvos como galegos”. Trátase dunha recompilación dos mellores sketchs presentados por Brandariz e Rei no programa Luar e que está incluída no Outono Cultural do Concello de Oroso, polo que é de entrada libre e de balde.
“Bivalvos como galegos” está chea de retranca, de crítica social dende o humor e da rutina levada ao exceso. Uns ingredientes que Pedro Brandariz e Fran Rei utilizan para sorprender os espectadores coas súas bromas. Unha oficina de emprego no que o traballo é pouco e malo, un quiosco con vocación de grandes almacéns ou un restaurante de alta cociña e pouco xeneroso co bandullo son algúns dos escenarios polos que se moverán Brandariz e Fran Rei no centro cultural de Sigüeiro para demostrar que, dende a risa, non hai nada máis ridículo que a vida cotiá.