Friday 22 de November de 2024

O humor encherá a Casa da Cultura de San Sadurniño este domingo e mailo último do mes


O Castelo de Narahío traerá o 3 de decembro a Quico Cadaval no marco da II Festa da cervexa artesá

A Concellaría de Cultura programou para os domingos 13 e 27 de novembro dúas obras teatrais coas que a risa está asegurada. Na primeira delas subirán ao escenario Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz para ofrecernos un espectáculo que anda a medio camiño da comedia, o clown e a improvisación. O seu título é “Falar sen cancelas” e adapta á idiosincrasia galega a esencia do monologuismo que tanto éxito colleita tanto no teatro ao vivo como no teatro televisado. A peza está posta para este domingo ás 19.00h. con entradas a 5€, que se poden reservar chamando ao 616.332.919 ou no email agustin.perez@sansadurnino.gal. O domingo 27 á mesma hora e co mesmo prezo recollerá a luva humorística outro triunvirato: Jouse García, Patricia Rodríguez e Xoque Carbajal, aínda que neste caso para representar unha comedia con ingredientes tan de noso como a morte, a cobiza e as herdanzas. E isto en canto á programación municipal, xa que O Castelo de Narahío tamén botará man o sábado 3 do humorismo galego para animar a súa segunda Festa da cervexa artesá, á que está convidado como parrafeador Quico Cadaval. Na Veiga a entrada será gratuíta.

Vaiamos aos poucos e por orde. “Falar sen cancelas” é en si mesmo un pleonasmo -engadir palabras innecesarias- porque é sabido que en Galicia ao falar non hai maneira de poñerlle cancelas. Iso sábeno ben Brandariz, Risco e Rei, que levan quince anos de bolo en bolo facendo da palabra retranqueira a súa principal ferramenta de traballo. A ficha do espectáculo deste domingo explica que hai xente que “fala por falar”, xente que “fala polos cóbados”, outra que fala “os sete falares” e que non son poucas as persoas que “falan do xato e esquecen o trato” porque prefiren parolar sobre cousas que non veñen ao caso en vez de “ir ao conto”. E é que somos un pobo de contos, de lendas, de relatos, un pobo “con mil e unha maneiras de describir as nosas formas de conversar”.

Arredor desta proposta os dous actores e maila actriz protagonistas de “Falar sen cancelas” intercalarán unha serie de monólogos propios, gags, recursos e xogos de improvisación que farán desta representación unha aventura diferente e única. “Unha gran gala de humor e comedia, coa palabra como gran protagonista, mais tamén a maxia, o clown e a repentización”, que se estreou con grande éxito no FIOT de Carballo 2015.

“Falar sen cancelas” é un espectáculo dirixido a maiores de 16 anos que comezará ás 19.00h. e con entradas ao prezo de 5€ que se poden ir reservando para retiralas na taquilla da Casa da Cultura ata media hora antes do comezo da función.

E o mesmo pasará coa seguinte obra en cartel: “D.E.P.”, programada para o domingo 27 de novembro. Os protagonistas neste caso son os malasombras Jouse García, Patricia Rodríguez e Xoque Carbajal, que se poñen ás ordes de Marcos Orsi para interpretaren unha comedia negra na que se mostra con moito humor o egoísmo, a mentira e o engano entre irmáns ante a repartición dunha herdanza.

A peza é un retrato caricaturesco do lado máis cruel do ser humano encirrado pola disputa de bens materiais e presenta unha situación que seguramente todos e todas vivimos ou vimos algunha vez. Porén, a cousa aínda vai máis aló cando as loitas de partillas se fan de corpo presente coa testante en cuestión aínda viva e cando quen xa andan a repartir o seu legado tamén buscan maneiras de darlle o “empurrón definitivo”. “D.E.P.” é un mortal relato sobre a vida mesma. Anotade: domingo 27 de novembro, 19.00h., Casa da Cultura.

Quico Cadaval en Naraío
En relación co humor e a retranca cómpre lembrar a cita que temos o sábado 3 de decembro en Naraío. Ese día a asociación veciñal organizou a segunda edición da Festa da cervexa artesá con dúas partes -ou tres- ben diferenzadas. A partir das 16.00h, o experto Miguel Soto ofrecerá un curso de elaboración de cervexa -5€ persoas socias e 10€ non socias- que xa ten aberto o prazo de inscrición a través do teléfono 646 502 566. Tralo curso, a iso das 20.00h., haberá unha degustación aberta ao público de cervexa feita previamente pola asociación acompañada de bolos preñados e, para pechar a noite, O Castelo de Narahío convidou a Quico Cadaval.

Non ofrecerá un monólogo, senón máis ben un parrafeo con ese estilo pausado e reflexivo que el ten de contar cousas que lle pasan na vida ou reflexións que ten na cabeza. “Eu non son monologuista, eu falo e a xente rise”, comentaba hai tan só uns días. En calquera caso, Cadaval subirá ás táboas do local social da Veiga sobre as 21.30h. con entrada de balde para calquera persoa que se queira achegar, aínda que non participase no curso de cervexa.