Saturday 16 de November de 2024

Unha trintena de maiores aprende primeiros auxilios dentro dos Martes Saudables


O Concello organizará unha segunda sesión na primavera para tratar sobre reanimacións cardiovasculares, atragantamentos e alerxias

Uns trinta maiores de Oroso participaron na tarde de onte nunha charla sobre primeiros auxilios dentro da iniciativa “Martes saudables”, un programa posto en marcha polo Concello de Oroso para achegar á terceira idade temas relacionados coa saúde, o benestar e os servizos sociais. O curso foi impartido por María Amparo González Blanco, médico asistencial da Base de A Coruña do FPUS 061 Galicia.

Durante dúas horas, os maiores de Oroso aprenderon como actuar e a quen dirixirse diante dunha emerxencia. Así mesmo, aprenderon a detectar os síntomas dun posible infarto, dun ictus, unha arritmia… para saber como actuar antes de que os profesionais poidan medicar aos pacientes. Ademais, María Amparo González deulles consellos sobre como actuar diante de traumatismos, accidentes de coche, diabetes…

De feito, o interese espertado entre os participantes foi tal que o Concello de Oroso xa anuncia unha segunda parte deste curso de primeiros auxilios para a próxima primavera. Nesta segunda sesión trataranse cuestións que quedaron pendentes neste primeiro curso, como as reanimacións cardiovasculares, as alerxias ou como actuar diante dun atragantamento ou dunha picadura ou mordedura.

A derradeira cita dos “Martes Saudables” de 2016 terá como temática a musicoterapia e celebrarase o martes 13 de decembro. A charla terá lugar no local da terceira idade de Sigüeiro, en horario de 17:00 a 19:00 horas. A asistencia é gratuíta, se ben por razóns de loxística é preciso anotarse previamente no Servizo Emprega Oroso ou no teléfono 981 691 478.