A actriz e contacontos Paula Carballeira no “Novembro Mes do Humor” do concello de Fene
A segunda sesión do ciclo “Novembro, Mes do Humor” trae este venres ao Museo do Humor de Fene á coñecida actriz e contacontos fenesa Paula Carballeira co seu último espectáculo, “Os contos que non me contaron”. A función comezará no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22) ás 20 horas. As entradas serán de balde aínda que, para asistir, será preciso recoller invitacións (2 por persoa) o mesmo día na conserxería da Casa da Cultura de Fene a partir das 16 horas. Por capacidade do salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, o aforo está limitado a 120 persoas.
Paula Carballeira é unha recoñecida actriz de teatro, membro da compañía teatral Berrobambán. A súa actividade profesional xira tamén en torno ao mundo da literatura infantil e xuvenil, sen esquecer a súa faceta como contacontos.
«Adícome a contar historias. Procuro historias nas persoas que coñezo e que non coñezo, nas paisaxes que vexo e nas que imaxino. Teño unha sede insaciable de palabras. E todo porque de nena non me contaron contos. Non había tempo para iso. A miña familia xa non se acordaba das noites de inverno sen luz eléctrica nin de aprender a camiñar coas palabras. Ata que a miña nai me dixo un día, logo dunha sesión de contos: “esa historia que contaches, contouma a min a túa avoa”. Entón souben que ese era o meu papel, o da memoria”.
Adicada profesionalmente ao teatro e á narración oral dende 1994, Paula Carballeira ten participado en festivais nacionais e internacionais, amais de manter unha actividade regular como contadora de contos en bibliotecas de toda Galicia. Tamén participa como actriz en programas de televisión e radio. E pertence dende 1996 á compañía teatral Berrobambán, aínda que tamén ten dirixido espectáculos noutras compañías galegas. É autora de numerosos títulos de literatura infantil e xuvenil, polos que recibiu numerosos premios e recoñecementos.