O volei local viviu unha fin de semana intensa tanto dentro como fóra da casa. O pavillón municipal foi un non parar coa disputa de seis encontros das categorías de base e da formación sénior feminina, mentres que o equipo da Superliga 2 viaxou a Boiro, onde logrou dar un paso máis para asegurar praza na Copa Príncipe. Eles e mailos xuvenís foron os únicos equipos que saldaron a xornada en positivo para o Aldebarán.
Os equipos da base masculinos e o xuvenil feminino recibiron no pavillón ás formacións ourensás do Burgas Voleibol-Asesores Vila Castro contra as que nada puideron facer malia tentalo. Só os xuvenís masculinos lle plantaron cara aos visitantes cun resultado que non deixa lugar a dúbidas sobre o bo momento no que se atopan tras un arranque ligueiro de rodaxe onde os resultados non foron os mellores. Así, o partido xuvenil finalizou 3-0 e con parciais máis ben avultados: 25-15, 25-16 e 25-20.
A cruz da moeda foi para o conxunto feminino da categoría, que caeu por 1 set a 3. As rapazas do Aldebarán déronlle guerra ás opoñentes na primeira metade do partido. As visitantes fixéronse coa primeira rolda por un axustado 23-25 e o segundo set quedaría na casa por un tamén xusto e axustado 23/25. A partir de aí o Asesores Vila Castro foi máis solvente na cancha e rematou sentenzando o encontro por 1 a 3 ganando os dous sets restantes cunha cómoda diferenza de 19-25 e 12-25.
Tamén deron guerra as infantís do Fisio-che-ben, que se enfrontaban ao Aceites Abril. Perderon por 0 a 3, pero o xogo exhibido durante os dous primeiros sets deixou nas bancadas un bo sabor de boca. Os parciais quedaron en 21-25, 20-25 e 14-25. Na mesma categoría, pero en masculino, o Aldebarán apretoulle firme ao Asesores Vila Castro durante todo o partido forzando un tie-break resolto finalmente en favor dos visitantes. Os parciais son clarificadores sobre a igualdade da contenda deportiva: 19-25, 25-19, 14-25, 25-15 e 11-15.
Máis clara foi a derrota dos sénior do Mesón A Granxa-Aldebarán no seu partido contra os ourensáns, a quen só lle plantaron cara no primeiro set. O encontro rematou cun 0 a 3 e parciais 22-25, 17-25 e 13-25. Para pechar os resultados masculinos cómpre reseñar que o equipo cadete descansou.
No caso das mozas do equipo sénior tamén houbo malas noticias no tocante ao marcador. Estreaban patrocinador -Maxi Pedroso- nun partido contra o Caldaria Ourense que non lles deu tregua. O encontro rematou con 0 a 3 e resultados a sets contundentes: 16-25, 16-25 e 13-25.
Na valoración da xornada que se fai desde a directiva do club sinálase que “os resultados non foron bos, porque só o equipo xuvenil masculino conqueriu o triunfo” pero, aínda así, destacan o vigor do volei de base “cun pavillón con tres pistas simultáneas en xogo, que é unha boa noticia para o club”. Neste sentido, a nota remitida polo Aldebarán apunta a que “o futuro do voleibol en San sadurniño ten que pasar pola promoción, polo tarballo ben feito dende a base para intentar que o equipo da Superliga-2 que tan boas noticas nos está dando, poida contar no futuro con máis xente da casa. Vai ser un traballo lento, pero os primeiros pasos xa se están dando e agora só fai falla consolidar o que temos sen dar un paso para atrás”.
Neste labor que desenvolve o Aldebarán nas distintas categorías tamén se busca afianzar o papel do primeiro equipo feminino. “Queremos consolidar o conxunto da 1ª División e pouco a pouco intentar meter a cabeza entre as primeiras para chegar á Superliga 2”. Entre os factores a favor para alcanzar ese obxectivo cítase a obtención dun patrocinador para o equipo que se ben “non gana partidos” é para o Aldebarán “a demostración de que o club lle vai dar un apoio decidido. Tanto as sénior como as xuvenís forman un grupo moi interesante co que Machín (o adestrador) está facendo un grande traballo”. O club destaca, ademais, o labor de Pablo Parga coas rapazas máis pequenas “que están mellorando en calidade pouco a pouco”.
O equipo da SM2, cun pé na Copa Príncipe
E o equipo da división de prata do volei estatal segue colleitando victorias. Tras o pequeno bache de hai dúas semanas, o Aldebarán-Intasa ofreceu unha exhibición de volei o pasado sábado en Boiro ganando por 1 a 3 e, de paso, poñendo máis terra por medio con respecto ao Universidad de Valladolid, segundo clasificado no Grupo A da SM2.
A victoria no derbi galego é maínzo no hórreo necesario para manter a posición como primeiro de grupo, xa que esta fin de semana o Aldebarán non puntuará por tocarlle descansar. Se as cousas seguen como están o Intasa finalizará a primeira volta campión e terá garantida unha praza na Copa Príncipe. O próximo partido que disputará será o sábado 19 en Lugo contra o Emevé e unha semana despois volveremos ter derbi galego na casa contra o Dumbría.