Saturday 16 de November de 2024

As asembleas veciñais convocadas polo Concello dentro do proceso participativo de elaboración do orzamento municipal acaban de pasar o seu ecuador


As asembleas veciñais convocadas polo Concello dentro do proceso participativo de elaboración do orzamento municipal acaban de pasar o seu ecuador. Xa se celebraron as de Igrexafeita, Santa Mariña, Ferreira, O Camiño Arriba e Bardaos e agora só faltan os encontros de Lamas -hoxe ás 20.00h.-, Naraío e San Sadurniño. Aínda que nas xuntanzas se fala de todo un pouco, os temas recorrentes en case todas as que se levan desenvolvido refírense en boa medida á rede viaria, coa solicitude da ampliación de camiños asfaltados ou de medidas que aseguren un correcto mantemento das pistas. Neste sentido o Concello está anunciando que se vai levar adiante un proxecto en colaboración con Moeche de cara preparar as cunetas da maior parte do territorio, como complemento dos labores de roza que se desenvolven durante o ano.

O proxecto contará con colaboración económica da Xunta e servirá para facer unha limpeza en profundidade das gabias que van paralelas ás pistas municipais. Do que se trata é de mellorar a drenaxe retirando a terra e a capa vexetal acumulada nas cunetas.

Segundo parece, a maioría dos danos que se producen no asfalto non se deben tanto á circulación pesada -anque tamén- senón ao debilitamento do firme provocado pola auga que se infiltra nel proveniente de canos que non fan o seu traballo como deberían. De aí que San Sadurniño e máis Moeche deseñasen unha proposta para ambos municipios que tentará ir á raíz do problema a base de escavadora, comezando polas zonas máis urxentes e deixando as menos afectadas para o final, dentro do que dea tempo nos 6 meses que durará o proxecto.

E é que as pistas municipais están centrando a maior parte das conversas que se manteñen no seo das asembleas municipais e, nomeadamente, o aumento da superficie asfaltada dun territorio que nestes momentos ten identificadas 1.005 estradas e pistas, tal e como reflicte un estudo elaborado en 2015.

Outros temas que están xurdindo tamén se refiren á ampliación da rede de alumeado público, cuestións relativas á conservación de elementos do patrimonio ou incluso novos usos para edificios de titulariedade municipal, como foi o caso de Ferreira onde xurdiu a idea de converter a antiga escola da Seara nun museo etnográfico.

En calquera caso, en cada asemblea noméanse dúas persoas que serán as encargadas de defender as propostas da parroquia na mesa convocada para este venres ás 20.00h. na Casa do Concello, que se encargará de priorizar aquelas que sexan factibles para incorporalas aos orzamentos municipais de 2017. Pero antes diso aínda faltan tres xuntanzas por se celebrar: a de Lamas este martes á tarde, a do mércores en Naraío e a do xoves en San Sadurniño (Casa da Xuventude), todas elas fixadas para as 20.00h. Ademais das iniciativas que se presenten nas xuntanzas, a veciñanza tamén pode participar no proceso do orzamento participativo remitindo unha ficha cuberta na que expoña as súas ideas, que poden ser de todo tipo: investimentos, maneiras de mellorar a xestión municipal, xeitos de incrementar o benestar no territorio, etc.

Información sobre o PXOM
As xuntanzas nas parroquias tamén están servindo para informar sobre o punto no que se encontra a tramitación do PXOM. Tal e como indica o equipo de goberno, o Concello recibiu máis de 400 alegacións a un documento que neste momento está agardando a chegada dos correspondentes informes de Augas de Galicia e de Patrimonio. Tan pronto como se dispoña deles o ente municipal poderá respostar ás alegacións incorporando á redacción final aquelas que se axusten á legalidade. Posteriormente será necesario remitirlle de novo á Xunta toda a documentación para que esta lle dea o prace definitivo.