Increméntanse nun 18% con respecto aos do pasado exercicio en base á mellora, ampliación e creación de novos servizos sociais
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes aprobou os seus orzamentos para o ano vixente. Así se acordou por unanimidade no pleno que tivo lugar onte e ao que asistiron os sete alcaldes de cada un dos municipios que conforman o ente supramunicipal (Ordes, Mesía, Trazo, Frades, Tordoia, Oroso e Cerceda).
As contas sinalan un total de 1.242.553 €, o que se traduce nun incremento do 18% con respecto aos do ano pasado. A dita contía responde á prestación e mellora de servizos relacionados coas axudas a domicilio, co programa de condutas aditivas e drogodependencias e coa ampliación do servizo de Atención Temperá.
Analizado por capítulos a maior taxa de ingresos responde á achegada pola Xunta de Galicia (58,52%), superando os 727.000 €. A continuación está a dos concellos mancomunados (21,87%) e a Deputación da Coruña (14,29%), que en termos onerosos supoñen 271.800 e 177.522 € respectivamente. Por último as taxas, prezos públicos e outros ingresos (5,32%) achegan algo máis de 66.000 €.
No apartado dos gastos o 49,28% corresponden a gastos correntes en bens e servizos, o 49% son destinados ao persoal, o 1% a transferencias correntes e o 0,7% a gastos financeiros.