Friday 22 de November de 2024

Últimos días para inscribirse no “Tempos para compartir” deste sábado en San Sadurniño


O prazo para apuntarse no obradoiro de elaboración de broches e abelorios con papel reciclado que se ofrece dentro do programa municipal “Tempos para compartir” está a punto de rematar. Quen queira participar ten que chamar ao 981 490 027 ext. 1 ou mandar un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal antes do xoves, día fixado para pechar as inscricións dunha actividade que terá lugar na Casa da Xuventude este sábado a partir das 17.00h. A docente será Ana Lamas, veciña de Igrexafeita que xa ten impartido outros obradoiros relacionados coas manualidades feitas a partir de materiais de reciclaxe. Desta vez a materia prima serán follas de revistas vellas que, ao remate da sesión, quedarán convertidas en vistosos complementos.

Para este “Tempos…” ofértanse 15 prazas, que se están cubrindo por orde de petición e dándolle prioridade a persoas empadroadas no municipio. Os obradoiros adoitan celebrarse nos distintos locais sociais do municipio os primeiros sábados de mes, aínda que neste caso o Concello optou por retrasalo unha semana por cuestións de axenda.

Os encontros son clases aceleradas nas que unha persoa con coñecementos nalgunha materia determinada lle ensina a outras persoas todo o que sabe ou, polo menos, o que lle dá tempo a ensinar nas dúas horas que veñen durando estes obradoiros.

Ten habido de todo: repostaría, elaboración de pan, manualidades varias, tecnoloxía,etc. A única condición que se pon desde o Concello é que as sesións se poidan desenvolver nunha tarde e que o custe en materiais sexa asumible. E a partir de aí, liberdade absoluta para propoñer, xa que o “Tempos para compartir” é unha iniciativa aberta ás ideas de calquera que queira converterse en docente por unhas horas dos coñecementos e habilidades que teña. Neste sentido, quen teña algunha proposta pode contactar co departamento de Igualdade, que xa leva varios anos organizando o “Tempos…” non só como xeito de intercambiar coñecemento, senón tamén como fórmula de reforzar as relacións veciñais entre as distintas parroquias.

Nesta ocasión a docente será Ana Lamas, unha veciña de Igrexafeita que leva varios anos aplicándose a fondo coas manualidades e a artesanía sustentable. O sábado á tarde -17.00h.- mostrará na Casa da Xuventude como transformar as páxinas do papel cuché en pendentes, broches, abelorios e outros pequenos complementos de moda ben doados de facer na casa por dous pesos. Nin por dous pesos, xa que o único que fai falla é o papel dunha revista vella, tesouras -ou unha coitela-, un axente fixador (como a cola, o alkil, ou un verniz) e, sobre todo, saber como preparar o material e como pregalo para obter un resultado colorido e sempre orixinal.

Recordamos: quen queira participar neste “Tempos para compartir” debe chamar ao 981 490 027 (ext.1) ou contactar coa técnica de Igualdade no correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.