Friday 22 de November de 2024

Cincuenta familias de Oroso participaron no espectáculo “A alfombra máxica”, dirixido a bebés de ata 3 anos


Cincuenta familias de Oroso participaron esta fin de semana no espectáculo “A alfombra máxica”, de Babaluva Teatro, no que tomaron parte activa un total de 25 nenos e nenas menores de tres anos organizados en dúas quendas. Durante unha hora, os pequenos participaron nun espectáculo especialmente deseñado para o seu desenvolvemento sensorial e motriz.

Así, a actriz Mirari Urruzola propúxolles aos pequenos un espazo para ir descubrir, onde tocar texturas diversas, crear sons, percibir diferentes cheiros, explorar espazos que evocan un bosque con árbores que aparecen e desaparecen. Unha viaxe á que se sumaron todos os nenos e nenas, mentres os seus pais e nais os observaban sen interferir. Monicreques, música e outras sorpresas guiaron aos máis pequenos por un divertido mundo de emocións e sensacións.