Avanzan a bo ritmo as obras de reconstrución das tres pontes caídas en Frades durante os fortes temporais do pasado mes de xaneiro: ponte de Xeza (Mesos), ponte Raselo (Gafoi) e ponte Reboredo (Galegos). Uns traballos acometidos polas empresas Construcciones José Lagares SLU e Construcciones Grobas SL e que están orzamentados en case 120.000 euros, financiados integramente pola Consellería do Medio Rural a través do Plan Especial de Emerxencias 2016. As obras estarán rematadas a finais de novembro ou principios de decembro.
A empresa Construcciones José Lagares SLU está a traballar na ponte de Xeza e no pontón na pista de Reboredo a Os Carballos., orzamentados en 59.940,38 euros. En Xeza xa se procedeu á demolición da antiga ponte, que está a ser substituída por unha nova de 8 metros de ancho con formigón armado mediante cimbra. Unha vez remate a colocación do formigón, reporanse corenta metros desta estrada e colocarase unha varanda metálica de seguridade.
No caso do pontón Reboredo, emprazado sobre o Rego de Maris, estase a rematar coa substitución da obra de drenaxe por un marco de formigón prefabricado de 10 metros de lonxitude con muros graníticos. Unha vez colocado, reporanse corenta metros de estrada con zahorra artificial e colocaranse doce metros de baranda de seguridade.
A que marcha a un ritmo máis lento é a reposición da ponte Raselo, na parroquia de Gafoi, orzamentada en 59.754,52 euros e que está a acometer Construcciones Grobas SL. Se ben xa se acometeu o derrubo da antiga ponte, nestes momentos estase coa instalación da nova ponte, construída mediante caixóns prefabricados de formigón pretensado para reducir así a súa afección sobre o río Maruzo. As maiores dimensións da nova ponte con respecto á anterior mellorarán a seguridade viaria dos vehículos que circulen por ela, pero tamén están a complicar a súa instalación. Unha vez colocada, a nova ponte Raselo terá un ancho de 6 metros e unha altura de 4,5 metros,.