Friday 22 de November de 2024

Alumnos do David Buján presentarán en Galiciencia tres traballos de investigación


Entre eles destaca unha app de móbil sobre a avispa asiática desenvolvida para o parque de bombeiros de Cambre, unha app de móbil para o Parque Nacional das Illas Atlánticas e un estudo da contaminación lumínica en Cambre

Alumnos do IES David Buján de Sigrás presentarán tres traballos de investigación que foron previamente seleccionados para a feira de ciencia Galiciencia que terá lugar en Ourense do 16 ao 18 de novembro. Entre eles destaca unha app de móbil sobre a avispa asiática desenvolvida para o parque de bombeiros de Cambre, unha app de móbil para o Parque Nacional das Illas Atlánticas e un estudo da contaminación lumínica en Cambre.
Neste sentido, dous das mentoras do club de ciencia do IES presentarán as app desenvolvidas no instituto sobre ciencia cidadá para móbil na Maker Faire de Bilbao (18-20 de novembro). O club de ciencia do IES xa participou este pasado fin de semana na Feira Maker OSHWDem 2016 celebrada na Domus, A Coruña.
Doutra banda, esta semana realízase un intercambio de 16 alumnos holandeses no centro con alumnos de 1º de bacharelato. A temática central do proxecto son as actividades deportivas e a saúde.
E seguindo cos proxectos europeos, a semana do 27 de novembro ao 3 de decembro o IES recibirá a visita de 21 alumnos de República Checa, Macedonia e Italia dentro do proxecto europeo Erasmus+ “Unpick Your History, Weave Your Future” para alumnos de 4º ESO.
O IES cambrés é un referente en canto a proxectos europeos, de feito a última iniciativa dos alumnos ingleses que pasaron uns días en Cambre foi a elaboración dunha páxina web na que se inclúe o club de ciencia, xa que o proxecto chamábase “Engaging students: Science Clubs & Citizen Science” (http://www.citizenscienceclub.com/).