O pleno do mes de novembro, o último ordinario deste ano, resolveuse en San Sadurniño en algo menos de 50 minutos nos que a orde do día estivo capitalizada polo debate de mocións. Foron tres, a primeira referida ao problema dos pneumáticos amoreados na antiga factoría fenesa de Rubber Industrias del Caucho S.A., a segunda centrada no rexeitamento á LOMCE e, nomeadamente, ás reválidas e, por último, unha moción relativa ao 25 de novembro -Día internacional da eliminación da violencia contra das mulleres- que finalmente se retirou da orde do día á espera de que os grupos municipais consensúen nos próximos días unha declaración institucional sobre a cuestión.
O pleno arrancou coa aprobación por unanimidade da acta da sesión anterior e coa información á corporación sobre a resolución dun expediente disciplinario iniciado contra un funcionario municipal. Deseguido a sesión xa se adentrou no apartado das mocións tratando a referida ás rodas acumuladas na antiga planta de recauchutados da Rubber, en Fene. A moción nace dun escrito presentado por un veciño de Fene que tenta recabar o apoio das corporacións municipais de toda a comarca para que se lle dea unha solución inmediata aos milleiros de pneumáticos vellos amoreados. Nela, o asinante critica “as dilacións no tempo que está tendo a Consellería de Medio Ambiente” para facerse cargo dos resíduos, tendo en conta que, segundo asegura, o procedemento administrativo para contratar estes traballos aínda está pendente de resolver: “o procedemento data de 13 de maio de 2016 e debería continuar o seu curso”.
O PSOE manifestou o seu apoio ao texto engadindo que debería ser o propietario dos terreos quen tomase cartas no asunto. O PP tamén apoiou a moción solicitando que a redacción final substituíse o termo “reprobar” á consellería polo de “urxir”, no sentido de que o departamento autonómico acelere a limpeza do contorno da fábrica situada no lugar de Santa Ana. O BNG propuxo, ademais, ampliar o contido do texto instando a que a Xunta busque unha solución tanto para esta situación en particular como para as rodas que hai ciscadas polo rural, na súa maioría empregadas como lastre para os plásticos dos silos. A moción saiu adiante por unanimidade trala incorporación dos cambios suxeridos tanto polo PP como polo BNG.
A seguinte moción, presentada polo BNG, oponse á aplicación da LOMCE e as súas reválidas. O grupo nacionalista critica unha lei aprobada “sen diálogo social” e que, segundo o BNG tería “unha clara pretensión de camiñar cara un sistema educativo competitivo, clasista e segregador”. A moción pon en dúbida o valor pedagóxico das reválidas e, neste sentido, solicita a súa eliminación cualificándoas de “nefastas e lesivas” para o dereito á educación universal e pública. A moción remata esixindo da Xunta a defensa “das nosas competencias en materia de ensino” e que a administración galega lle solicite ao Estado a derrogación da LOMCE.
O voceiro do PSdeG-PSOE mostrouse a favor do texto e reivindicou a necesidade dun consenso entre os grupos políticos estatais e autonómicos “para facer unha lei que perdure no tempo” aproveitando o novo escenario parlamentario sen maiorías absolutas. Pola súa banda o Partido Popular puntualizou que as reválidas “son un diagnóstico das debilidades do alumno e así poder axudarlles cun reforzo e unha proba para verificar o nivel do profesorado”. O portavoz popular puntualizou, ademais, que as reválidas “non teñen ningún efecto académico” e, en coincidencia co PSOE, expresou o seu desexo de que a nova lexislatura sirva para alcanzar “un pacto pola educación”. O BNG tamén coincidiu coa apreciación socialista, sinalando como “anormal” que en 40 anos “houbese sete ou oito reformas educativas”, algo que para o grupo nacionalista foi “responsabilidade” dos gobernos do PP e do PSOE. O bloque cualificou a lei como “ilexímitma e recentralizadora” que obviará “contidos propios do noso país, como a historia ou a realidade xeográfica e patrimonial” que, segundo o portavoz deste grupo, “quedarán á marxe” dos plans de estudos. A moción saiu adiante co apoio de BNG e PSOE, mentres que o PP votou en contra.
Xusto antes de entrar no apartado de rogos e preguntas, o BNG quixo presentar pola vía da urxencia unha moción referida ao Día internacional da eliminación da violencia contra da muller. Primeiro votouse a conveniencia da urxencia, que obtivo o apoio do BNG e a abstención de PP e PSOE e, deste xeito, a concelleira de Igualdade expuxo o contido dun texto no que a oposición estivo de acordo pero que, sen embargo, se retriraría da orde do día co obxectivo de que nos próximos días os tres grupos municipais acorden unha declaración conxunta.
A quenda final do pleno foi aproveitada polo PP para plantexar dúas cuestións. A primeira relativa ao estado da tramitación do PXOM e, nomeadamente, sobre a resposta ás alegacións presentadas pola veciñanza. O alcalde aclarou que o retraso se debe á demora da Xunta en achegar os informes correspondentes a Augas de Galicia e á Dirección Xeral de Patrimonio, que condicionarían as respostas a esas alegacións. A outra pregunta dirixiuse á representante municipal no Consello escolar e nela o PP expresou a súa preocupación porque non exista un seguro escolar nos cursos de primaria do centro. O alcalde aclarou que o seguro escolar “é unha cuestión interna xestionada pola dirección” pero que, en calquera caso, o edificio conta cun seguro de responsabilidade civil e que, ademais, “ningún neno está desprotexido” ante calquera incidente que se produza, posto que estaría cuberto de forma gratuíta pola sanidade pública “sen necesidade de contratar seguros privados”. Con todo, o alcalde comprometeuse a que se exporá a demanda popular na próxima xuntanza do Consello escolar do que Concello